Dende a biblioteca virtual, queremos desexarvos un verán fantástico, cheo de sol, xogos e moitas aventuras. Este ano vivimos momentos moi especiais co noso proxecto do mar, e queremos agradecer a vosa participación en todas as propostas.
Agora toca descansar, desconectar e desfrutar dunhas merecidas vacacións. Pero non deixedes de viaxar a través das páxinas dun libro! Lembrade que a maxia da lectura pode ir convosco a onde queira que vaiades: á praia, á montaña, á vila… ou simplemente a ese recuncho especial da vosa casa.
Estas son as nosas propostas lectoras para o verán.
Chegou o momento de dicir “ata pronto” ou “ata sempre” ao club de lectura de 6º. Sodes e fostes un club absolutamente marabilloso, e foi un auténtico pracer compartir con vós este tempo dedicado aos libros.
Lembraremos con moito agarimo os nosos encontros dos luns na biblioteca: cada historia que compartimos, cada personaxe que descubrimos e cada risa que botamos xuntos.
Agardamos que sigades explorando novos mundos, que a vosa curiosidade nunca se apague e que continúedes vivindo miles de aventuras entre as páxinas de cada libro que caia nas vosas mans.
Nunca deixedes de ler!

Queremos despedir esta páxina do blog, co booktuber máis cativo do colexio, un gran lector que nos demostra cada día que os libros son a súa gran paixón. Ninguén anima a ler mellor que quen ama de verdade cada páxina dun libro; escoitar as súas cancións e os seus contos é recibir unha dose directa de felicidade e puro entusiasmo.
Moitísimas grazas por contaxiarnos a tua paixón e por recordarnos que ler é, ante todo, unha alegría compartida. Un bico enorme de parte de todo o equipo da biblioteca!
Agardámosvos en setembro con moitas novidades e un novo proxecto!
Bo verán e felices lecturas!
Unha forte aperta de parte de todo o equipo da biblioteca.


































































































































