Outubro arrancou cargado de actividades na nosa biblioteca, apostando un mes máis pola animación á lectura para os máis pequenos.
O pasado mércores 21 de outubro, tivemos o pracer de recibir a visita dun grupo de alumnado da Facultade de Maxisterio para achegarlles contos marabillosos á rapazada de Educación Infantil dos edificios de Sas e Greco.
Durante a xornada, disfrutamos compartindo a maxia de catro títulos imprescindible:“A que sabe a lúa”, “Orellas de bolboreta”,“Perdido” e “Amelia quere un can”.
Queremos darlles as grazas ao alumnado de Maxisterio pola súa visita e por axudarnos a sementar o amor polos libros dende ben pequenos.




O luns, 26 de outubro, o alumnado dos clubs de lectura de 5º e 6º de Primaria visitou a Biblioteca Nós. O obxectivo desta saída era que coñecesen de preto as súas instalacións, o funcionamento das distintas salas e todos os recursos que este espazo pon ao seu alcance.
Durante a xornada, participaron nuna actividade na que puideron descubrir exemplares e formatos de libros verdadeiramente espectaculares: desde volúmenes microscópicos e libros-flor, ata historias de medo e libros con son.
Aproveitando a visita, tamén percorremos a exposición sobre teares, unha mostra que enlaza á perfección coa temática do noso proxecto deste curso. Unha artesá explicounos de primeira man como funciona o proceso de tecido nun telar tradicional e amosounos as materias primas que utiliza no seu oficio, como a lá e o liño.

Este xoves, 29 de outubro, a biblioteca do centro encheuse de contos, lendas e música coa visita da compañía de teatro “Tréquele, Tréquele”, que trouxo a obra “Contos de Samaín” ao alumnado de 3º e 4º de Primaria.
As artistas cos seus contos conseguiron manter a todo o público atento de principio a fin. Unha actividade moi gratificante e a mellor forma de ir quentando motores para o Samaín!

XA ESTAMOS NO SAMAÍN