
Este é o sétimo ano que estamos a traballar por proxectos a nivel de centro. Estes proxectos son unha ferramenta de traballo onde o alumnado investiga, familiarízase e afonda nun tema ao longo de todo o curso, a nivel de centro e dende a biblioteca escolar. Con esta metodoloxía non se trata só de adquirir coñecementos, senón de vivilos e interiorizalos.
Tras explorar a riqueza da nosa terra en proxectos como “Coñece a túa cidade”, “O Camiño de Santiago” e a “Ribeira Sacra”, este ano embarcámonos nunha nova aventura que ten o mar como protagonista.
O proxecto para este curso escolar é “Na beira do mar”, con el pretendemos dar a coñecer a xeografía incluíndo a importancia dos faros, afondar na biodiversidade mariña, investigar as profesións e oficios do mar, explorar a representación do mar na literatura e nas tradicións culturais, descubrir festas populares e gastronomía típica das zonas costeiras e fomentar a concienciación sobre a sustentabilidade e protección dos océanos.
O obxectivo principal é concienciar á comunidade educativa sobre o valor do mar como fonte de vida, cultura, biodiversidade, e fomentar o coidado e a protección do océano.
O longo de todo o curso desenvolveremos o contido do proxecto con actividades, obradoiros, charlas, programas de radio, música, encontros, excursións e vídeos. Parte deste traballo poderase atopar na páxina web do colexio, en bibliocouto.
Este é o vídeo co que iniciamos o novo proxecto.
A radio é unha parte esencial da biblioteca e empregarase para apoiar e promover o proxecto con entrevistas, noticias, informacións… Este programa, realizado por alumnado de 6,º é o primeiro deste curso.

Este ano, a radio escolar lanza un novo programa chamado “Fiadeiros“, no que o primeiro venres de cada mes, a emisora estará aberta a calquera persoa que queira gravar un podcast relacionado co proxecto. Familias, profesorado, alumnado… estades todos convidados!








SAMAÍN
O xoves 30 de outubro celebramos o Samaín con diferentes actividades.
Como este ano o proxecto está dedicado ao mar, na clase de inglés realizouse a actividade “Halloween under the sea” na que o alumnado elaborou terribles criaturas e monstros mariños coas que se decorou o colexio. Estas son as fotos…
Nas clases de plástica en inglés, os cursos de 5º e 6º elaboraron figuras en 3D con pasta de papel. Raias, tiburóns, estrelas de mar, e outras crituras mariñas foron a atracción de todo o alumnado.

A celebración tamén incluíu un espectáculo de luces con temática de Samaín e sesións de contacontos para disfrute de todo o alumnado.

Os disfraces terroríficos do alumnado e profesorado, así como a presencia de trasnos, xacias e meigas que o Equipo de Normalización Lingúística fixo para ese día completou unha mañá dedicada ao Samaín.


MAGOSTO
O 10 de novembro festexamos o magosto con xogos, música, baile e moitas risas. Tamén houbo merenda de pan con chourizo e por suposto castañas asadas
Propuxemos a actividade “A castaña mariñeira” para integrala no proxecto deste curso, que ten o mar como principal protagonista. O resultado, como podedes ver neste vídeo feito cos vosos traballos, foi espectacular. Grazas a todos pola vosa colaboración e por ser tan creativos!
Fotos da exposición no edificio de Sas


Fotos da exposición no edificio do Greco


RADIO
O programa de radio deste mes de novembro fai unha viaxe polas Rías Altas de Galicia.
Ximena, Alejandra, Ainhoa e Martina de 5º B, lévannos de percorrido polos cantís de Herbeira, as praias de Carnota e das Catedrais, as fragas do Eume e o Cabo Ortegal.
Merece a pena escoitalas polo ben que o fan e pola información que proporcionan…non cres?


NOVEMBRO MES DA CIENCIA
O mes de novembro está dedicado a celebrar o mes da ciencia en galego e que mellor lugar para facelo que na biblioteca do colexio.
Ao longo do mes, os libros, os microscopios e os experimentos mergullarannos no mar da ciencia. Ven á biblioteca, hai un experimento todos os días da semana e ti podes ser o científico.
Experimentos de flotabilidad

Seguimos cos obradoiros dedicados á CIENCIA: experimentos, libros, microscopios, imaxes en 3D….cal é o teu favorito?



25N: MENSAXE NUNHA BOTELLA (Novembro)
“Mensaxe nunha botella” é unha actividade que vincula o noso proxecto de mar cun compromiso social fundamental: queremos que o océano da igualdade se expanda, levando a nosa mensaxe de respecto, forza e tolerancia a todo o mundo.
Esta é a canción e a letra que versiona a mítica de Police “Message in a bottle”. Seguro que sabedes quen canta a nosa…verdade?



Neste programa de radio exploraremos as Rías Baixas. Sira, Ángela, María e Mateo de 5ºA desvelarán curiosidades e novos datos da Ría de Muros, Arousa, Pontevedra e Vigo. Escoitade con atención porque a solución ao novo reto de decembro pode estar neste programa de radio.


Presentamos un novo programa de radio que continúa e amplía o noso proxecto anual dedicado ao mar. Nesta ocasión, zarpamos cara ás Rías Altas para seguir descubrindo e afondando nos segredos da costa galega.
Enma e Martín de 6ºB son as voces que nos guiarán neste novo viaxe polas costa galega.


DECEMBRO
Xa está en marcha o RETO NÚMERO 2 do concurso “Canto sabes do mar”. Nesta ocasión está relacionado coas comidas do Nadal e tedes que saber que rías galegas son as mellores produtoras de marisco, peixe e mexillón.
A solución está no programa de radio dedicado ás Rías Baixas e realizado neste mes de decembro polo alumnado de 5ºA. Busca, investiga e escoita para dar coa resposta axeitada.


CÓNTAME UN CONTO POLO NADAL
“Cóntame un conto polo Nadal” volve sempre por estas datas, unha actividade máxica, na que as familias cruzan as portas da escola para compartir historias e momentos inesquecibles cos seus pequenos.
Grazas por crear comunidade e participar en cada iniciativa.
Grazas a todas as familias, nais e pais que colaboraron nesta actividade, foi un pracer contar con vós e unha ledicia para as vosas fillas, fillos e seus amigos….
En breve compartiremos neste blog unha galería de fotos cos mellores momentos desta actividade.

MÚSICA E MAR PARA CELEBRAR O NADAL (Decembro)
Este ano unimos as nosas voces na beira do mar para desexarvos un BO NADAL!
Con este vídeo musical protagonizado por todo o alumnado e interpretado pola nosa profesora Elisa, desexámosvos un Nadal cheo de emocións compartidas e de moita felicidade!

DOUS CONTOS PARA O DÍA DA PAZ (Xaneiro)
O noso elefante favorito, ELMER, volveu á biblioteca! Desta vez, invitámosvos a escoitar unha nova versión que preparamos con moito agarimo. Agardamos que vos guste!

Que mellor xeito de celebrar o Día da Paz que compartindo un conto? Este ano mergullámonos nas profundidades do mar co ” Pez arcoiris”. Grazas a esta historia, aprendemos que a paz comeza coa xenerosidade.


MURAIS DA PAZ



XANEIRO, UN MES DE NON PARAR
Un ano máis as mochilas viaxeiras xa están listas para comezar a súa viaxe polos vosos fogares.
Que atoparedes na mochila? Por unha banda, libros relacionados co mar e por outro, un caderno de artista. No caderno, atoparedes láminas para deseñar as vosas propias postais mariñas. Podedes empregar a técnica que máis vos guste.
Ao finalizar o curso, organizaremos unha gran exposición de postais do mar con todas as vosas creacións. Por iso, animámosvos a poñerlle moito agarimo e esmero.


CHEGOU O ENTROIDO (Febreiro)
Este ano o noso Entroido estivo dedicado ao mar, o tema do noso proxecto. O colexio converteuse nun auténtico océano grazas á imaxinación de toda a comunidade educativa.
Moitísimas grazas ás familias pola vosa gran colaboración e por encher as aulas de piratas, redeiras, peixes, polbos, estrelas de mar, tiburóns e moita maxia. Sodes unha pasada!



TODO UN RETO NAS CLASES DE PLÁSTICA EN INGLÉS (Febreiro)
Nas clases de Plástica en inglés, os cursos de 5º e 6º enfrontáronse ao reto de elaborar con pasta de papel a tradicional pantalla de Xinzo, adaptada ao fío condutor do noso proxecto.
Queremos felicitalos polo gran traballo realizado: un auténtico desafío ben artellado, ben traballado e cheo de esforzo. Grandes artistas!




FEBREIRO, MES DA MULLER E A NENA CIENCIA
O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Este é un día para dar visibilidade ao traballo das mulleres que se dedican á ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas. O seu traballo é un referente feminino para a sociedade. Garantir que as nenas de hoxe se convertan nas científicas do mañá é unha tarefa colectiva.
Que podes atopar na biblioteca estes días? Seguindo coa traballo iniciado o curso pasado, este ano preparamos un recuncho de científicas e inventoras. Contamos coa colaboración das alumnas de 6º para que sexan elas as que nos descubran a estas mulleres que co seu enxeño, resolveron problemas cotiáns e grandes retos científicos.
Este geneally será un adianto do que veredes na biblioteca ( os seus inventos están relacionados coa auga, tema do noso proxecto).





CIENCIA NA BIBLIOTECA (Febreiro)
O pasado 5 de febreio o alumnado de 3º participou na actividade “Aqualoxía”, relacionada coa auga e na que tiveron ocasión de facer ciencia.



REMATAMOS O MES DA MULLER E A NENA NA CIENCIA (Febreiro)
Antes de rematar o mes, tivemos o pracer de conversar coa científica e bióloga mariña Gema Solís Fraile, ela traballa no Museo Nacional de Ciencias Naturais e vainos falar do seu traballo, das súas experiencias e de como se iniciou no mundo da ciencia e investigación. E unha sorte poder conversar con ela e poder achegar ao alumnado a ciencia e o mar a través das ondas da radio.

O alumnado de 6º tivo, días despois, unha reunión virtual coa bióloga mariña Gema Solís. Foi unha sesión moi interesante e amena que serviu como un excelente colofón ao noso mes dedicado ás mulleres e nenas na ciencia.
Estamos moi agradecidos a Gema Solís polo tempo e atención que nos dedicou.


ROSALÍA DE CASTRO: VERSOS CON SABOR A SAL (Febreiro)
Rosalía de Castro, muller importante para o galego, para as galegas e galegos. Adiantada a súa época, soubo transmitir forza, amor, tenrura e dor dende a palabra. Deixounos un legado poético que debemos coñecer e valorar.
Escribiu poemas sobre o mar. Para ela, o mar non era só auga; era un símbolo de distancia e destino. Os poemas que veredes a continuación foron seleccionados porque recollen a esencia do mar, protagonista principal do noso proxecto.
Propoñemos un reto mariño. Escolle o teu poema favorito de Rosalía e leo en voz alta para toda a clase. Podes facelo coma un susurro, cunha voz forte, con silencios coma se fose o eco do mar… usa a túa imaxinación.


Actividade de lectoescritura e arte: O alumnado de 1ºA escribiu un dos poemas seleccionados e completouno cunha ilustración que eles mesmos colorearon. Quedou moi bonito, non si?


8 DE MARZO: DÍA DA MULLER
O 8 de marzo é o Día da muller. Nesta data lembramos todos os logros acadados polas mulleres, buscando a igualdade de dereitos, oportunidades e liberdades.
A muller representa enerxía, valor, determinación e creatividade. Dende a nosa biblioteca, estamos convencidos de que a lectura e o coñecemento son ferramentas clave para acadar o obxectivo común: construír xuntos unha sociedade xusta e igualitaria.
Este ano, o noso proxecto dedicado ao mar rescata unha historia de coraxe e determinación: a das “Heroínas de Sálvora”.
Dende a biblioteca, convidámosvos a ler a noticia sobre aquel suceso, investigar sobre esas catro mulleres valentes e mesmo localizar a illa de Sálvora nun mapa. Aquí tendes un pequeno anticipo daquela historia.


Velaquí as imaxes do lapbook e mural que elaborou o alumnado de 4º de Primaria A sobre as heroínas da illa de Sálvora.



Estas son as imaxes da OBRA DE TEATRO que se representou sobre estas heroínas.





DÍA DA POESÍA (Marzo)
O 21 de marzo celebramos a chegada da primavera e o Día da Poesía. A actividade proposta para celebrar este día é un recitado de poemas protagonizado polo alumnado de infantil e primeiro nivel.
O protagonista do noso recitado será o MAR e para iso mergullámonos nas páxinas do libro “Poemar o mar” de Antonio García Teijeiro e poñemos rumbo a ese mar azul con ritmo e poesía.

A RADIO DE BIBLIOCOUTO ÉNCHESE DE POESÍA CO ALUMNADO DE INFANTIL E DO PRIMEIRO NIVEL ( GRAVACIÓN DOS AUDIOS)

LIBRO DE POESÍA (Marzo)
O alumnado de 1ºB realizou un libro co poema recitado o Día da Poesía, ese poema foi escrito, decorado e así de bonitiño quedou. Ese libro visitou as casas de todo o alumnado de 1ºB.

Os alumnos e alumnas de 4ºA tamén celebraron a poesía escribindo fermosos poemas adicados ao mar que logo ilustraron e pintaron. Eses poemas hoxe decoran o noso corredor .


EXPOSICIÓN FILATÉLICA DE FAROS ( Marzo)
Seguimos avanzando no noso proxecto de centro, “Na beira do mar“, a través de diferentes actividades. Estes días, o noso hall transformouse nun pequeno museo grazas á exposición filatélica sobre faros, cedida polo profesor de música, Jose Luis Carnicero.

Ademais, a mostra conta con elementos tradicionais que axudan ao noso alumnado a comprender mellor os oficios mariñeiros, como unha nasa (arte de pesca) e unha creba ( restos de naufraxios, madeiras, obxectos perdidos, etc.)


23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO (Abril)
O 23 de abril celebramos o Día do Libro, unha data especial para lembrar historias que nos inspiran, ensinan e nos acompañan ao longo da nosa vida.
Durante todo o mes desenvolvemos actividades de animación á lectura: encontro co autor, animación á lectura con Sabela Gago e Eva Tato, contacontos do CFIP Portovello e apadriñamento lector do alumnado de 6º de Primaria.

O luns, 20 de abril, os clubs de lectura de 5º e 6º de Primaria tiveron un encontro co escritor X.H. Rivadulla Corcón, autor das obras “Os piratas da illa Esperanza” e “Cando soa a buguina”, ambos libros de temática mariñeira..
A actividade permitiulle aos rapaces e rapazas conversar directamente co autor, resolver dúbidas sobre a trama e facerlle preguntas sobre o proceso de creación do libro. Ademais, puideron escoitar os seus consellos e recomendacións lectoras como escritor profesional. Grazas, Xosé Henrique, por inspirarnos con novas lecturas!


OBRADOIROS CREATIVOS: MARCAPÁXINAS (Abril)
Nos obradoiros da biblioteca creamos uns marcadores de páxina moi especiais, están inspirados tanto nos libros como no noso proxecto “Na beira do mar”.



A LEDICIA DE COMPARTIR LECTURAS (Abril)
Este mes de abril celebramos o pracer de ler da man dos alumnos e alumnas do CIFP Portovello. Durante tres días (22, 23 e 24 de abril), a biblioteca encheuse de historias, música e cor para o noso alumnado de Infantil e 1º ciclo de Primaria.
Foi un luxo desfrutar de títulos como: “Nadarín”, “A balea”, “O neno peixe” ou “Xa vou”, acompañados de divertidos obradoiros e animacións.
Estas son as fotos que recollen algúns deses momentos no edificio do Greco e no edificio de Sas.



TRABALLOS SOBRE O MAR (Abril)
Queremos compartir con vós o excelente progreso do noso proxecto sobre o mar. Seguimos traballando nel a través de: manualidades, noticias de prensa, e cos cadernos das mochilas viaxeiras.
Manualidades de 2ºA, 1ºA e 1ºB

Traballos de 4ºA


ABRIL, MES DEDICADO A COMPARTIR LECTURAS
Abril foi, por excelencia, o mes da lectura. Cada actividade programada foi deseñada cun único protagonista: o libro. Desde encontros con autores e sesións de animación lectora, ata a maxia dos contacontos, agardamos que desfrutarades cada unha destas citas.
Como broche final, compartimos este vídeo que resume a programación especial do Día do Libro. Unha escolma de momentos compartidos arredor da lectura, os autores e a narración oral.

LETRAS GALEGAS: TRABALLOS SOBRE BEGOÑA CAAMAÑO (Maio)
As propostas lectoras deste mes estiveron dedicadas a Begoña Caamaño e a todas as persoas que, co seu compromiso e a súa voz, impulsaron a nosa cultura e a nosa lingua galega.

Nos obradoiros creativos programamos uns marca-páxinas conmemorativos e uns orixinais comecocos temáticos sobre a autora.


DÍA DA FAMILIA (Maio)
Polo Día da Familia, os nenos e nenas de Infantil e primeiro ciclo, aproveitando o fío condutor do noso proxecto de centro, “Na beira do mar”, prepararon con moito esmero uns traballos manuais preciosos e cheos de agarimo para as súas familias.
Así de fermosos quedaron os traballos e orgullosos que estaban os nosos pequenos artistas co resultado. ¡Esperamos que vos gustasen tanto coma a nós!


CONCURSO DE RETOS: “CANTO SABES DO MAR” (Durante todo o ano)
Este ano puxemos a proba o enxeño dos nosos lectores co concurso “Canto sabes de mar”. Unha actividade que esixiu activar o instinto investigador para pescudar, buscar información e dar coas respostas correctas.
O obxectivo principal foi achegar o mundo mariño dun xeito autónomo e didáctico. Así, a través do xogo, os participantes aprenderon sobre xeografía, gastronomía, faros, profesións vinculadas ao mar, literatura e as peculiaridades máis sorprendentes do noso mar galego.
Parabéns a todos os que demostrastes ser auténticos lobos de mar do coñecemento!


TEMPO LECTOR CON LIBROS DO PROXECTO (Maio)
Aproveitando as ultimas semanas de clase, no tempo lector estivemos traballando con libros vinculados ao noso proxecto sobre o mar. Era o momento perfecto para que os alumnos se informasen e demostrasen o ben que len.


AS MOCHILAS VIAXEIRAS ( Maio)
As nosas mochilas viaxeiras foron polos fogares, e dentro levaban un libro viaxeiro que o propio alumnado tiña que crear en colaboración coas súas familias. Vinculados ao noso proxecto do mar, estes cadernos convertéronse en verdadeiras obras de arte ás que non lles faltou ningún detalle. Canta creatividade!
En nome de todo o equipo de biblioteca, queremos darvos as grazas, familias, pola vosa implicación absoluta. Grazas tanto por compartir a lectura dos libros que van na mochila como por poñerlle tanto mimo, agarimo e traballo á proposta creativa.



AS EXCURSIÓNS COMPLETAN A NOSA NAVEGACIÓN (Xuño)
Chegaron as excursións de fin de curso e de fin de proxecto! Días de convivencia e unha oportunidade perfecta para coñecer de preto parte de todo o traballado no noso proxecto do mar.
Os cursos de infantil , 1º e 2º visitaron o Museo do Mar, foron ata Cangas en barco e tiveron ocasión de facer unha visita guiada por esa localidade ademais de actividades cos monitores.
Os cursos de 3º e 4º visitaron a Casa das Ciencias, a Domus, o Acuario da Coruña e a emblemática Torre de Hércules.
O alumnado de 5º e 6º descubriu o Museo Massó en Bueu, visitou aos compañeiros e compañeiras do CEIP A Rúa (Cangas) onde lles presentaron o seu proxecto de cinema e pola tarde realizaron unha ruta de sendeirismo por Cabo Home.








EXPOSICIÓN FIN DO PROXECTO: “NA BEIRA DO MAR” ( Xuño)
Chegamos ao final deste curso escolar e, antes de marchar de vacacións, queremos botar a vista atrás para recordar a gran viaxe que compartimos. Este ano navegamos xuntos no proxecto “Na beira do mar”, unha aventura coa que descubrimos a nosa xeografía costeira, a biodiversidade mariña, a maxia dos faros e os oficios do mar. Tamén nos mergullamos na nosa literatura, tradicións, festas, música e gastronomía mariñeira.
Ao longo do ano fomos desenvolvendo obradoiros, charlas, excursións, vídeos, música e programas de radio que encheron o colexio de vida e de mar. Podedes ver unha boa mostra de todo este traballo no blog de Bibliocouto na páxina do proxecto.
Como broche de ouro a todo este camiño, o pasado martes 16 de xuño compartimos con todos vós a exposición final do nosos proxecto de centro. Foi un orgullo abrir as portas a toda a comunidade educativa para mostrar o froito de tanto esforzo!
Tivemos ademais a honra de contar nesa xornada tan especial coa visita de destacadas autoridades que quixeron coñecer de primeira man o noso traballo. Agradecemos enormemente a asistencia da Conselleira do Mar, Dona Marta Villaverde Acuña; o Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Don Manuel Rubén Sampedro; a nosa inspectora, Dona Yolanda Cadórniga; a concelleira Dona Tamara Silva; a coordinadora de bibliotecas escolares en Ourense, Dona Asunción Carballo; e a coordinadora do PLEA, Dona Leonisa.
Dende o equipo de biblioteca queremos agradecer de corazón:
Ao profesorado: pola súa inmensa implicación e creatividade en cada actividade.
Ás familias: pola súa constante colaboración coas mochilas viaxeiras, contos, enquisas, e por acompañarnos o día da exposición.
Grazas a toda a comunidade educativa por facer posible este gran proxecto. Feliz verán e ata a próxima aventura!