Chegamos ao final deste curso escolar e, antes de marchar de vacacións, queremos botar a vista atrás para recordar a gran viaxe que compartimos. Este ano navegamos xuntos no proxecto “Na beira do mar”, unha aventura coa que descubrimos a nosa xeografía costeira, a biodiversidade mariña, a maxia dos faros e os oficios do mar. Tamén nos mergullamos na nosa literatura, tradicións, festas, música e gastronomía mariñeira.
Ao longo do ano fomos desenvolvendo obradoiros, charlas, excursións, vídeos, música e programas de radio que encheron o colexio de vida e de mar. Podedes ver unha boa mostra de todo este traballo no blog de Bibliocouto.
Como broche de ouro a todo este camiño, o pasado martes 16 de xuño compartimos con todos vós a exposición final do nosos proxecto de centro. Foi un orgullo abrir as portas a toda a comunidade educativa para mostrar o froito de tanto esforzo!
Tivemos ademais a honra de contar nesa xornada tan especial coa visita de destacadas autoridades que quixeron coñecer de primeira man o noso traballo. Agradecemos enormemente a asistencia da Conselleira do Mar, Dona Marta Villaverde Acuña; o Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Don Manuel Rubén Sampedro; a nosa inspectora, Dona Yolanda Cadórniga; a concelleira Dona Tamara Silva; a coordinadora de bibliotecas escolares en Ourense, Dona Asunción Carballo; e a coordinadora do PLEA, Dona Leonisa.
Dende o equipo de biblioteca queremos agradecer de corazón:
Ao profesorado: pola súa inmensa implicación e creatividade en cada actividade.
Ás familias: pola súa constante colaboración coas mochilas viaxeiras, contos, enquisas, e por acompañarnos o día da exposición.
Grazas a toda a comunidade educativa por facer posible este gran proxecto. Feliz verán e ata a próxima aventura!








































GRAZAS A TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA POR FACER POSIBLE ESTE GRAN PROXECTO.