Coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas Escolares, 24 de outubro, un ano máis a nosa biblioteca volve abrir as súas portas a toda a comunidade educativa.
A biblioteca é moito máis ca un lugar de lectura: é o espazo para investigar e traballar coa información, reunirse, colaborar en proxectos, dar renda solta á creatividade con construcións e obradoiros temáticos, facer radio e, por suposto… desfrutar e compartir o pracer de ler!
Este curso, a través do noso proxecto de biblioteca: “Con – Fío no Couto”, embarcámonos nunha viaxe para descubrir a historia que se oculta detrás de cada prenda. O alumnado explorará desde a orixe das materias primas, os tecidos e a evolución do vestiario, ata o traballo das profesións do sector e o percorrido que fai a roupa ata chegar ás tendas. Un camiño no que tamén aprenderemos a coidar do planeta, reflexionando sobre a importancia do consumo responsable, a economía circular, a reciclaxe e a reutilización.
A roupa forma parte da nosa vida cotiá: protéxenos e acompáñanos no día a día, pero tamén comunica quen somos, a nosa cultura e a nosa historia, lembrándonos ademais que formamos parte duna terra de grandes deseñadores e modistas.
Este é o vídeo co que iniciamos o novo proxecto. Sabedes quen canta a canción?
