O vindeiro 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, unha data para homenaxear a nosa cultura e a nosa lingua. Este ano, a Real Academia Galega dedica esta xornada á escritora e xornalista Begoña Caamaño.
Para coñecer mellor a súa figura, compartimos este vídeo realizado polo colexio San Pío X (Ourense). Nel ofrécese unha breve biografía desta autora, nada en Vigo e finada en Santiago de Compostela aos 50 anos.
Queremos achegarnos á figura de Begoña Caamaño dun xeito diferente e divertido: xogando! Grazas ás actividades interactivas propostas polo Seminario Galán, teremos a oportunidade de coñecer a fondo a traxectoria desta escritora e xornalista. Animádesvos a participar?
Nos obradoiros creativos desta semana programamos uns marca-páxinas conmemorativos e uns orixinais comecocos temáticos sobre a autora.
É unha oportunidade perfecta para unir manualidades e literatura. Agardámosvos para dar renda solta á vosa imaxinación. Atrévete a facer o teu!

As propostas lectoras deste mes están dedicadas a Begoña Caamaño e a todas as persoas que, co seu compromiso e a súa voz, impulsaron a nosa cultura e a nosa lingua galega.


FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!
GRAZAS A TODAS AS PERSOAS QUE FORON, SON E SERÁN FARO E LUZ PARA A NOSA LINGUA