O mes de novembro está dedicado a celebrar o mes da ciencia en galego e que mellor lugar para facelo que na biblioteca do colexio?
Ao longo do mes, os libros, os microscopios e os experimentos mergullarannos no mar da ciencia. Ven á biblioteca, hai un experimento todos os días da semana e ti podes ser o científico.
Libros de ciencia
Experimentos sobre flotabilidade
O programa de radio deste mes fai unha viaxe polas Rías Altas de Galicia. Ximena, Alejandra, Ainhoa e Martina de 5º B, lévannos de percorrido polos cantís de Herbeira, as praias de Carnota e das Catedrais, as fragas do Eume e o Cabo Ortegal.
Merece a pena escoitalas polo ben que o fan e pola información que proporcionan…non cres?
Ximena, Alejandra, Ainhoa e Martina de 5ºB
Somos creativos
Novembro é o mes da ciencia…ven á biblioteca e disfruta de todas as actividades programadas!
O pasado luns festexamos o magosto no colexio con xogos, música, baile e moitas risas. Tamén houbo merenda de pan con chourizo e por suposto castañas asadas.
Propuxemos a actividade “A castaña mariñeira” para integrala no proxecto deste curso que ten o mar como principal protagonista. O resultado, como podedes ver neste vídeo feito cos vosos traballos, foi espectacular. Grazas a todos pola vosa colaboración e por ser tan creativos!
Fotos da exposición no edificio de Sas
Fotos da exposición no edificio do Greco
Grazas as familias e a todo o alumnado pola vosa implicación nesta actividade proposta!
O venres 10 de novembro festexaremos no colexio o día de San Martiño, patrón da nosa cidade e día dedicado ó magosto. Non faltarán castañas asadas, risas, bailes e moitos xogos.
Falando de castañas…Canto sabes deste froito abundante nos soutos da Ribeira Sacra? Fai este cuestionario e comproba as túas respostas.
O magosto é unha festa de amizade e veciñanza na que se comen froitos de recente recolleita: castañas e uvas. Soe rematar con cantigas e danza e existe o costume de tisnarse unhas persoas a outras coa borralla da fogueira.
Este libriño conten refráns, adiviñas, trabalinguas, cantigas e unha receita para cociñar un delicioso biscoito de castañas que seguro vos animaredes a facer coa axuda da vosa familia.
E se prefires ler ou escoitar un conto o de “Xaíme e as landras” seguro che gustará. Que desfrutedes do magosto!!!
O xoves 30 de outubro celebramos o Samaín con diferentes actividades.
Na clase de inglés realizouse a actividade “Halloween under the sea” na que o alumnado elaborou terribles criaturas e monstros mariños coas que se decorou o colexio. Estas son as fotos…
A celebración tamén incluíu un espectáculo de luces con temática de Samaín e sesións de contacontos para desfrute de todo o alumnado.
Os disfraces terroríficos do alumnado e profesorado, así como a presencia de trasnos, xacias e meigas que o Equipo de Normalización Lingúística fixo para ese día completou unha mañá dedicada ao Samaín.
Coincidindo coa celebración das bibliotecas escolares, 24 de outubro, un ano máis a nosa biblioteca reabre as súas portas a toda a comunidade educativa.
A biblioteca é un lugar perfecto para traballar coa información, reunirse, colaborar en traballos, facer construccións, obradoiros temáticos, radio e como non… ler e compartir a lectura de libros.
Presentamos o proxecto para este curso: “Na beira do mar”con el pretendemos dar a coñecer a xeografía, afondar na biodiversidade mariña, investigar as profesións e oficios do mar, explorar a representación do mar na literatura e nas tradicións culturais, descubrir festas populares e gastronomía típica das zonas costeiras e fomentar a concienciación sobre a sustentabilidade e protección dos océanos.
O obxectivo principal é concienciar á comunidade educativa sobre o valor do mar como fonte de vida, cultura, biodiversidade, e fomentar o coidado e a protección do océano.
Este é o vídeo co que iniciamos o novo proxecto. Sabedes quen canta a canción?
A radio é unha parte esencial da biblioteca e empregarase para apoiar e promover o proxecto con entrevistas, noticias, informacións… Este programa, realizado por alumnado de 6º, é o primeiro deste curso.
Este ano, a radio escolar lanza un novo programa chamado “Fiadeiros“, no que o primeiro venres de cada mes, a emisora estará aberta a calquera persoa que queira gravar un podcast relacionado co proxecto. Familias, profesorado, alumnado… estades todos convidados!
Estas son algunhas das fotos da presentación do proxecto en Sas e Greco. Gústanvos?
A biblioteca xa está aberta , entra e descubre todo o que ten: novos libros, actividades renovadas, actuacións, encontros, xogos. AGARDÁMOSTE, NON FALTES!!!
Dende a biblioteca virtual, queremos desexarvos un verán fantástico, cheo de sol, xogos e moitas aventuras.
Este ano vivimos momentos moi especiais co noso proxecto teatral. Foi marabilloso ver como vos transformastes en artistas e o dábades todo, actuando, bailando, interpretando, narrando…A lectura e o teatro van da man; ambos nos invitan a soñar, a expresarnos e a conectar coas emocións.
Agora toca descansar, desconectar e desfrutar dunhas merecidas vacacións. Lembra que a maxia da lectura pode ir contigo de vacacións. Leva os teus libros favoritos contigo á praia, á montaña, á vila… ou simplemente a ese recuncho especial da túa casa!
Agardámosvos en setembro con moitas novidades e un novo proxecto! Bo verán e felices lecturas! Unha forte aperta de parte de todo o equipo da biblioteca.
CLUB DE LECTURA
Chegou o momento de dicir “Ata pronto” ou “Ata sempre”. Sodes e fostes un club de lectura marabilloso. Foi un pracer compartir con vós o tempo dedicado á lectura. Lembraremos con cariño as “quedadas” dos luns na biblioteca, cada historia que compartimos, cada personaxe que descubrimos e cada risa que botamos. Agardamos que sigades explorando novos mundos a través dos libros, que a vosa curiosidade nunca se esvaeza e que sigades vivindo miles de aventuras dentro das páxinas dun libro.
Chegamos ao final dun curso incrible e tamén ao final do noso emocionante proxecto “Mamá, quero ser artista”.
Desde que levantamos o telón por primeira vez, percorremos un camiño cheo de creatividade e aprendizaxe. Comezamos presentando a maxia do teatro, programando actividades de mimo, kamishibai, minimundos, contos de luces, títeres, regueifas e musicais. Cada ensaio, cada liña memorizada, cada interpretación achegounos máis ao teatro.
Hoxe, podemos dicir que chegamos á meta, demostrando o grandes artistas que somos e sodes. O produto final de todo este esforzo son as marabillosas actuacións que cada clase preparou con tanto coidado. É o voso momento de brillar e amosar todo o talento que levades dentro! Grazas a todo o alumnado e a todas as mestras e mestres por este gran esforzo final!!
Actuacións do xoves 19 de xuño: infantiles 3 anos “Cocorico”, “O polo Pepe”; 4 anos “A carapuchiña vermella”, “O monstro de cores”; 5 anos “os sete cabritiños”, “os tres porquiños”. 1º de Primaria el musical “Tengo el corazón contento” y el rap “Mi escuela”. 2º de Primaria obra teatral “A voda da pulga e do piollo”, obra teatral “O secuestro da bibliotecaria”
Actuacións do venres 20 de xuño: 3ºB obra de teatro “O restaurante Farruco”, 4ºB facendo humor con Miguel Gila e Eugenio, 3ºA “Regueifas”.
Actuacións do venres 20 de xuño: 6ºA e 6ºB musical “Mamma mía”, 4ºA musical ” Con calma”, 1ºA musical “Tengo el corazón contento”, 5ºA e 5ºB “Got talent o Couto”
MOCHILAS VIAXEIRAS
As mochilas viaxeiras formaban parte do proxecto teatral, proporcionando libros e promovendo a lectura en familia.
Queremos agradecer a todas as familias o marabilloso traballo realizado cos cadernos das mochilas.
GRAZAS A TODO O ALUMNADO E A TODAS AS MESTRAS E MESTRES POR ESTE GRAN ESFORZO FINAL!
A última semana do curso escolar está chea de eventos. Celebramos as emotivas graduacións de infantil e 6º de primaria, o tan esperado Coutofest e o festival de fin de proxecto. Que mellor forma de despedirnos doutro curso escolar!
No Coutofest a música e o galego son os protagonistas pero as letras e as vosas cancións son unha locura creativa. Grazas a todos por un traballo tan ben feito!
As graduacións de infantil e 6º de primaria son máis que unha festa, marcan o final dunha etapa crucial na vida dos nenos e das nenas. Remata un ciclo e comezan novos retos e aventuras noutras etapas educativas. Boa sorte e lembrade que aquí quedamos para o que precisedes!!
Xa estamos na recta final do curso escolar e do noso proxecto “Mamá, quero ser artista”. Desexamos que todas as actividades programadas vos achegaran e axudaran a comprender o fascinante mundo do teatro.
As últimas actividades relacionadas co proxecto foron as excursións, todas incluíron títeres ou algún musical. Estas son as fotos…
O alumnado de 6º de primaria fixo a súa excursión de fin de curso, visitando as cidades de Madrid, Toledo e Segovia. Ademais de disfrutar dos atractivos turísticos destas cidades, a viaxe incluíu a asistencia a varios espectáculos como parte do proxecto anual de centro dedicado ao teatro. Que ben o pasaron…días inesquecibles!!
NA PRÓXIMA ENTRADA COUTOFEST, GRADUACIÓNS E ACTUACIÓN FINAL DE PROXECTO
O pasado luns 2 de xuño, os clubs de lectura tiveron encontro con Andrea García Martínez, autora e ilustradora do libro “Animais fantásticos de aldea”. Durante a sesión falou do seu libro e tamén houbo momentos para facerlle preguntas e aclarar algunha dúbida. Foi un encontro moi agradable onde Andrea tamén amosou o seu talento como debuxante.
O mellor estaba por chegar cando propuxo debuxar a un dos personaxes do libro seguindo as súas instrucións! Todos os debuxos saíron xeniais e como premio foron todos firmados pola autora !! Grazas Andrea.
O alumnado de 2ºB, creativo coma sempre, presentou as últimas actividades do mes de xuño. Están a estudar o sistema solar e prepararon unha gran maqueta como ferramenta de aprendizaxe, fixeron personaxes de conto polo Día do libro e agora están a crear un escenario para representar a obra de monicreques. Non paran!!
Ao longo do curso propuxemos diferentes obradoiros para facer no tempo de lecer, as veces estaban relacionados con datas especiais, outras coa ciencia e experimentación, en ocasións con materiais novos, tamén co noso proxecto….sempre foron ben acollidos por todos vós e agora que remata o curso queremos agradecer a vosa implicación e participación. Sodes súper creativos e gústavos todo o que é novidoso e artístico.
O último obradoiro está relacionado co proxecto deste curso, son fadas de biblioteca e terán o seu lugar nun escenario de monicreques.
A PRÓXIMA ENTRADA SERÁ PARA AS EXCURSIÓNS DE FINAL DE CURSO