Xa estamos de volta e preparados par comezar o terceiro trimestre.
O pasado 2 de abril celebramos o Día Mundial do Autismo. Neste día unímonos a todas aquelas persoas que queren construír unha sociedade máis inclusiva, na que todas e todos podamos levar unha vida plena e gratificante.
Estas fotos amosan algunha das actividades realizadas polo alumnado de 1ºA para conmemorar este día. Un traballiño ben feito, quedou xenial, sodes uns artistas!!!
Esta historia, titulada “El viaje de María“, axudarache a comprender mellor ás nenas e nenos con autismo.
No obradoiro do mes de marzo fixemos “Ovos de pascua”, empregouse a técnica de impresión de cores nunha folla branca e este foi o resultado.
O 21 de marzo, conmemoramos O día Mundial do Síndrome de Down e O Día Mundial da Poesía. Hoxe lembramos que todas e todos somos iguais e ó mesmo tempo diferentes, que o mundo non debe ter barreiras e que debemos poñer un pouco máis de poesía nas nosas vidas.
Seguro que todos temos algún poema agochado na nosa memoria, aquel que lembramos de cando éramos nenos. Unha vez máis o alumnado de infantil, primeiro e segundo curso preparou un recital poético que iremos poñendo no blog da biblioteca. Grazas a todos polo voso esforzo, implicación e por transmitir tanto sentimento e emoción recitando poesías…sodes estupendos!!!
3 ANOS B : ” REDONDO”
4 ANOS B: “O MEU BARCO”
1º B de PRIMARIA: ” AS MENINAS”
2º B de PRIMARIA: “GALIZA”
Neste segundo trimestre, que estamos a piques de rematar, foron moitas as actividades realizadas. Lembramos algunhas delas: os debuxos nos cadernos das mochilas viaxeiras, os obradoiros do recreo, os retos que se preparan na biblioteca, o cadro misterioso, os traballos dedicados a pintoras e pintores famosos…grazas a todas e todos pola vosa participación!!
Este segundo trimestre tamén trouxo novidades. O alumnado de 5º A e de 5ºB recibiu formación en radio escolar con “Ponte nas Ondas”, ahora xa están preparados, o material está comprado…todo listo para os novos programas de RADIOCOUTO.
A hora do “Reading Time” na biblioteca, tamén é unha novidade que vós acolledes de bo grado. Grazas a teacher Clara, por programar as lecturas e por suposto a Sophia, contadora dos contos en inglés.
Disfrutade do descanso e vémonos en abril…mes do libro!!
O proxecto de centro “Entre pinceis” ofrécenos a posibilidade de visitar exposicións, coñecer a persoas relacionadas co mundo da pintura, saber de pintoras e pintores e tamén de traballar, ler e formarnos neste tema.
O mes pasado tivemos a sorte de poder entrevistar, en radiocouto, a unha persoa relacionada coa pintura. A súa formación, dedicación e paixón é a pintura e ninguén mellor ca el para falarnos deste tema.
A entrevista foi realizada por Iris Blanco, Sabela González e Lara Carneiro de 5ºA.
Lara, Sabela, Alex e Iris.
Coñecer e saber de pintoras, exposición e xogos sobre mulleres pintoras…OBRADOIROS!!
Os cadernos de debuxo das mochilas viaxeiras, traen traballos marabillosos. Aquí están algúns deles…ao rematar este curso faremos unha exposición!! Grazas pola vosa implicación!!
Xa empezaraon a circular caixas cos libros temáticos e tamén xogos para o tempo de lecer na biblioteca.
O 8 de marzo é o Día da muller. Nesta data lembramos todos os logros acadados polas mulleres, buscando a igualdade de dereitos, oportunidades e liberdades.
A muller representa enerxía, valor, determinación e creatividade. Xuntos debemos construír unha sociedade xusta e igualitaria.
Este Genially que vos presentamos pertence o proxecto “Entre pinceis”, e quere dar a coñecer a todas aquelas grandes mulleres que foron pintoras.
No mes de febreiro o alumnado de 5ºA e 5ºB visitou a exposición da pintora CristinaRoo. Ela é ourensana e fai da pintura a súa paixón, que transmite e contaxia a todos os que visitan a mostra. Ademais de falar con ela e ver os seus cadros, tamén houbo ocasión para practicar cos pinceis, seguindo sempre os seus consellos. Grazas Cristina por compartir esta agradable experiencia con nós!!
O proxecto “Entre pinceis” seguirá achegándonos o mundo da pintura
As rapazas e rapaces de 2ºB contaron o curso pasado, o conto de “Maruxa”. O libro narra a historia dunha muller que, farta de facerlle a Pepiño o pan todos os días, decide darlle unha lección e amosarlle que o traballo na casa é cousa de dous. Recuperamos e escoitamos este conto que tanto gustou.
Nestas curtas e libros que vos propoñemos, atoparedes a unhas protagonistas: fortes, valentes, libres e seguras de si mesmas.
O pasado venres, 23 de febreiro, celebramos o día de Rosalía de Castro.
Foi un día dedicado a ela no que lembramos a súa vida, debuxamos e pintamos o seu retrato, fixemos traballos e ademais escoitamos e recitamos algúns dos seus poemas.
Poema recitado polo alumnado de 6ºB
“Campanas de Bastabales” recitado por Vera Fandiño e Paula López
“Quíxente tanto, meniña” recitado polo CLUB DE LECTURA
Estes foron algúns dos traballos feitos nas clases e dedicados a Rosalía.
Esta semana comezará a circular por todas as clases a caixa de libros “ Proxecto entre Pinceis“. Agardamos que os libros seleccionados sexan do voso gusto e vos acheguen ó mundo da pintura e da arte.
Lembrade que o prazo para solicitar o agasallo de libros nas librarías remata o 4 de marzo.
Rosalía de Castro, muller importante para o galego, para as galegas e galegos. Adiantada a súa época, soubo transmitir forza, amor, tenrura e dor dende a palabra. Deixounos un legado poético que debemos coñecer e valorar.
Hoxe 23 de febreiro de 2024, conmemórase o 187 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (23 febreiro de 1837- 15 xullo de 1885) e queremos celebralo lembrando a súa vida, recitando e escoitando os seus poemas.
MÚSICA: “Rosalía Pequeniña” é o título dun disco libro interpretado pola cantante Uxía. Ela achéganos a unha Rosalía nena, pequena e soñadora.
CASA: Padrón foi a localidade onde Rosalía viviu os últimos anos da súa vida, na casa da Matanza. Hoxe en día é un museo dedicado a ela. Se queres facer un percorrido pola súa casa, mira este vídeo e escoita o poema de “Adiós Ríos, Adiós Fontes” .
CURIOSIDADES: Mira e escoita estas cinco cousas que seguro non sabías de Rosalía de Castro.
ROSALÍA EN OURENSE: Rosalía está moi presente na cidade de Ourense e no mundo enteiro. Na nosa cidade hai unha rúa que se chama Rosalía de Castro, tamén hai unha biblioteca que leva o seu nome e por suposto unha ESTRELA.
No colexio non podía faltar a nosa homenaxe a Rosalía. Traballos, debuxos, poemas, fotos, libros e música…todo é pouco para achegarnos a esta gran muller: nai, escritora, defensora do galego e adiantada ó seu tempo... ROSALÍA SEMPRE
Nos próximos días exporemos os traballos de pintura que se están a facer nas clases sobre Rosalía.
O pasado 13 de febreiro foi o Día Internacional da Radio.
A radio é un importante medio de comunicación onde a voz é imprescindible. No blog da biblioteca tamén facemos radio e a vosa voz pode chegar a toda a comunidade educativa cando recitades poemas, facedes entrevistas ou contades contos.
Por todo isto, decidimos convidar ao noso colexio a Vidal López. El é un gran comunicador, leva tempo facendo radio, vive no barrio do Couto e a súa voz é inconfundible. A charla foi moi amena, tivemos oportunidade de ser reporteiros, ver formatos de gravación e de aprender moitas máis cousas. Grazas Vidal por contaxiar a túa paixón pola radio!
Para os que non puideron escoitar a Vidal na radio o pasado venres, esta é a gravación.
FRIDA KAHLO ( México, 6 de xullo de 1907 – México, 13 de xullo de 1954)
Magdalena Carmen Frida Kahlo Calderón máis coñecida como Frida Kahlo foi a terceira filla do fotógrafo alemán Guillermo Kahlo e da súa dona Matilde Calderón. Viviu coa súa familia nunha casa azul. De nena Frida contraeu moitas enfermidades que a obrigaron a quedarse na cama.
En 1925 tivo un accidente, o autobús no que viaxaba foi atropelado por un tranvía, tras ese accidente tivo que permanecer deitada e inmóbil durante moitos meses. Durante ese período comezou a pintar cadros para expresar a dor que sentía. A maioría dos seus cadros son autorretratos nos que proxecta as súas dificultades por sobrevivir. A dor impedíalle levar unha vida normal e aos 47 anos morreu de broncopneumonía. Os seus restos repousan na súa casa azul. Frida foi unha muller que soubo afrontar a dor con forza e coraxe.