
Este é o sexto ano que estamos a traballar por proxectos a nivel de centro. Estes proxectos son unha ferramenta de traballo onde o alumnado investiga, familiarízase e afonda nun tema ao longo de todo o curso, a nivel de centro e dende a biblioteca escolar.
O tema deste ano está relacionado co teatro, pensamos que é un tema interesante e que gran parte do alumnado descoñece. Con el queremos potenciar a lectura, fomentar a expresividade do alumnado, a comunicación xestual e a expresión corporal.
Tamén pretendemos que coñezan diferentes formas de facer teatro. O teatro de sombras, os títeres, o mimo, os musicais, o kamishibai, o teatro radiofónico. Que saiban dos oficios no teatro, que coñezan e interpreten obras de teatro, que convertan un conto nunha peza teatral.
O longo de todo o curso desenvolveremos o contido do proxecto con actividades, obradoiros, charlas, programas de radio, música, encontros, excursións e vídeos. Parte deste traballo poderase atopar na páxina web do colexio, en bibliocouto.
Este é o vídeo co que iniciamos un novo proxecto de centro titulado: “Mamá, quero ser artista”



TIVEMOS VISITAS
O pasado 15 de novembro tivemos unha visita moi especial. O xefe territorial, Don Jorge Rubén Sampedro Grande; a inspectora de educación, Dona Yolanda Cadórniga Díaz; a coordinadora de bibliotecas en Ourense, Dona Loli Nieto; e a directora do colexio, María Pérez Laso; visitaron o novo espazo de Bibliocouto e asistiron a presentación do proxecto para este curso escolar.
Grazas ao seu apoio e a todo o traballo que vimos realizando, temos a sorte de contar con esta gran biblioteca. Agora só queda desfrutar do espazo e seguir traballando! Grazas a todos.
Amosamos fotos do día e un programa de radio que ofrece unha entrevista con eles.






20 NOVEMBRO, DÍA DA INFANCIA
Hoxe celebramos no colexio o Día da Infancia con catro representacións teatrais. Todo o traballo foi realizado polo Equipo de Convivencia que fixo unha gran selección de obras cunha espléndida posta en escena. Parabéns compañeiras!!

Os cursos de infantil tiveron un teatro de títeres do conto: “Os tres porquiños”. Coa obra traballáronse a igualdade de xénero e a integración.

O alumnado do 1º ciclo tivo un teatro de luces do conto: “Onde está o arco da vella?” no que as cores e as emocións van xuntas da man.

As alumnas/os do 2º ciclo asistiron a representación dun teatro musical do conto ”O Mago de Oz”. Nesta ocasión a valentía, a confianza nunha mesma e o valor da amizade, eran os valores a transmitir.
As compañeiras/os do 3º ciclo asistiron a un teatro de regueifas onde as palabras teñen valor por si mesmas.
Este ano o proxecto de centro “Mamá, quero ser artista” aproxímanos ao mundo do espectáculo e ao teatro. Que o disfrutedes!! Parabéns ás organizadoras.

TEATRO COS MINI MUNDOS
No mes de novembro os mini mundos ofreceron os contos: “A casiña de chocolate” e “A castaña que estoupou coa risa”.
O conto “A casiña de chocolate” ten un teatro radiofónico moi especial. Sodes quen de adiviñar quen lle dá voz a cada un dos protagonistas do conto?


O mini mundo do conto “A castaña que estoupou coa risa” está realizado polo alumnado de 5 anos do edificio de Sas. Conta a historia do que lle aconteceu a unha brasa de carbón, unha palla e unha castaña cando ían de camiño e chegaron á beira dun río que non sabían como atravesar.
Desfrutade moito destas imaxes, onde saen os verdadeiros artistas do conto.


CIENCIA
Bibliocouto dedicou o mes de novembro á ciencia. Todos os obradoiros programados achegáronnos ó mundo da experimentación.

Este é o terceiro ano que traballamos nos experimentos, temos un libro que recolle todas estas experiencias e un mural con científicas actuais que cada ano completamos.
Os experimentos foron variados e espectaculares. Algúns deles foron: conseguir que un ovo rebote sen romper, levantar un vaso coa única forza dun globo, experimentar cun fluído non newtoniano, facer unha explosión de cores e atravesar cun lápiz unha bolsa de auga sen que esta se derrame . As fotos amosan algúns deses momentos.


AS FAMILIAS SON AS PROTAGONISTAS
Dende fai uns anos levamos a cabo esta actividade, na que as familias dos nosos nenos e nenas veñen ao colexio e comparten un conto coa clase dos seus fillos e fillas.
Grazas a todas as familias, nais e pais que colaboraron na actividade: “Cóntame un conto no Nadal” foi un pracer contar con vós e unha ledicia para as vosas fillas, fillos e seus amigos….Graciñas!!!
Estas foron algunhas das familias do edificio do Sas que participaron nesta actividade. No enlace pódense ver as fotos de todas as familias.
https://bookletwork.com/2024/12/

CONCURSO TEATRO MISTERIOSO
Co proxecto deste ano: “Mamá, quero ser artista”, pretendemos afondar no tema do teatro. Como o curso pasado, cada mes haberá unha pregunta relacionada co tema que haberá que descubrir investigando. Os que acerten terán premio seguro.
No mes de novembro houbo que adiviñar o nome do teatro misterioso e no mes de decembro o nome da obra de teatro misteriosa.

Acertantes do mes de novembro e decembro….parabéns!


MINI MUNDO ” O CASCANOCES”
En decembro presentamos o mini mundo do libro “O Cascanoces“, escoitamos e interpretamos o conto, coñecimos aos personaxes e escoitamos a música composta por Chaikovski.


BO NADAL
O equipo de biblioteca do CEIP O Couto deséxavos: BO NADAL e FELIZ 2025!!

Programa de radio: Felicitación de Nadal

2º TRIMESTRE
MOCHILAS VIAXEIRAS
Xa circulan as mochilas viaxeiras con libros relacionados co proxecto “Mamá, quero ser artista”. Cada mochila leva un caderno onde haberá que seleccionar rimas, adiviñas, chistes ou curiosidades segundo o curso. Coas vosas seleccións faremos programas de radio e algunhas actuacións.
En infantil haberá que decorar a lámina do protagonista do conto como máis vos guste, utilizando o material que queirades. Ao final do curso os traballos formarán parte dunha exposición que amosará o grandes artistas que podedes ser.
Este é un anticipo dos grandes traballiños que estades a facer….grazas familias pola vosa colaboración e implicación.


DÍA DA PAZ
O pasado venres o equipo de convivencia fixo unha actuación con mimos polo día da Paz. Lembráronnos con xestos a importancia de facer do mundo unha sociedade mellor, de loitar contra as inxustizas, de ser inclusivos, de non discriminar e de ser a voz daqueles que non a teñen.
A representación mostrou situacións cotiás onde as persoas poden convivir en perfecta harmonía superando as diferenzas.
Grazas profes por estes momentos tan especiais e por achegarnos ao mundo dos mimos!
Aquí vos deixamos un pouquiño desa actuación en vídeo.



DÍA DA PAZ E KAMISHIBAI
O proxecto deste ano está dedicado ao mundo da interpretación. Nesta ocasión, alumnas de 4º de primaria contan un conto no Kashibai titulado “O paxaro Puhuy”. Esta historia conta o motivo polo que este paxaro ten unha pluma tan especial pero tamén fainos reflexionar sobre a importancia de ser xenerosos e non egoístas.
Grazas Alexandra, Ana, Vera e Ximena…sodes unhas grandes contadoras de contos.

POEMAS POLA PAZ
O pasado luns visitou o club lectura unha alumna do IES O Couto, chámase Anyely e escribe fermosos poemas de loita, inxustiza, amizade e amor.
Nesta semana dedicada á paz o seu poema “Tierra de sueños rotos” soa con forza e busca coas palabras, a rima e os versos a ansiada paz no mundo. A poesía que podedes escoitar neste audio está escrita por Anyely e músicada pola profe Olalla.


TEATRO EN INGLÉS
As obras de teatro non poden faltar no proxecto deste ano e así o alumnado de 1º e de 2º foi ver ao auditorio unha obra de teatro en inglés. Titulábase “Hansel and Gretel” e desfrutaron un montón. O que máis gustou foron as cancións que non dubidaron en cantar e bailar.


CONCURSO TEATRO MISTERIOSO
Este mes o concurso do “Teatro Misterioso” proponnos adiviñar vocabulario do teatro. Investiga e escribe a solución, non esquezas poñer os teus datos. Lembrade que os acertantes sempre teñen premio.


DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA
O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Este é un día para dar visibilidade ao traballo das mulleres que se dedican á ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas. O seu traballo é un referente feminino para a sociedade.
A ciencia e a igualdade de xénero son importantes para construír unha sociedade de futuro, unha sociedade onde as mulleres teñan acceso pleno e equitativo á ciencia. E poidan ser o que elas queiran ser.
Estas son algunhas das mulleres científicas que traballaron e actualmente traballan no mundo da investigación. Podes saber delas na exposición que hai na biblioteca.
Tamén hai mulleres inventoras, este ano queremos que coñezades a 5 delas: Melitta Bentz, Mary Anderson, Letitia Geer, Bette Nesmith e Ángela Ruíz Robles.
Achégate á biblioteca e poderás descubrir o que inventou cada unha delas e levar tamén un marcapáxinas.

Nesta outra entrevista preguntamos aos compañeiros e compañeiras sobre a exposición de científicas e inventoras que neste mes hai na biblioteca…escoitádeos tamén!!

DÍA DA RADIO NA NOSA BIBLIOTECA
O pasado 13 de febreiro foi o Día Internacional da Radio.
A radio é un importante medio de comunicación onde a voz é imprescindible. O novo espazo da biblioteca ten un lugar preferente para a radio, dende aquí as vosas gravacións poden chegar a toda a comunidade educativa. Entrevistas, recitados de poemas, contos, saúdos, dedicacións especiais…todo o facemos dende a radio e cada vez mellor.
Por todo isto, decidimos convidar ao noso colexio a Vidal López. El é un gran comunicador, leva tempo facendo radio, vive no barrio do Couto e a súa voz é inconfundible. A charla foi moi amena, tivemos oportunidade de escoitalo, de facerlle preguntas, de ser reporteiros e de aprender moitas cousas. Grazas Vidal por contaxiar a túa paixón pola radio!

Esta é a entrevista que lle fixemos a Vidal. Foi un pracer poder escoitalo e desfrutar da súa compaña no novo espazo da radio escolar. Grazas Emma e Antón pola vosa entrevista….xenial!!



DÍA DE ROSALÍA
O 24 de febreiro, foi un día que dedicamos a Rosalía. Lembramos a súa vida, debuxamos e pintamos o seu retrato, e tamén escoitamos e recitamos algúns dos seus poemas.
O club de lectura “Os Coutolines” quixo honrar a esta gran escritora galega recitando algúns dos seus poemas que comparten con todos nós. Moitas grazas polo voso traballo e pola vosa implicación, o resultado foi marabilloso!!
https://bookletwork.com/2025/03/03/dedicado-a-rosalia-2/

O ENTROIDO UN GRAN ESPECTÁCULO
O Entroido deste ano trouxo á escena aos auténticos protagonistas da festa. Os felos de Maceda, os cigarróns de Verín, as pantallas de Xinzo, o boteiro de Viana do Bolo e as bonitas de Sande foron as estrelas convidadas que captaron toda a atención do noso público.
O seu espectáculo cheo de cor e son ofreceu unha posta en escena digna dun verdadeiro Oscar. Grazas a todos pola visita e polas boas explicacións ofrecidas, foi un auténtico luxo tervos na nosa escola.



Os outros grandes protagonistas da festa foron o alumnado e a comunidade educativa que acudiron vestidos con disfraces baseados en películas como: “O rei león” “Grease” “Piratas do Caribe” e outros personaxes do mundo do espectáculo.
https://bookletwork.com/2025/03/04/o-entroido-un-gran-espectaculo/





SOMOS CREATIVOS
Esta semana o alumnado de 2ºB comparte con todos, traballos e actividades que amosan o grandes artistas que son. Seguindo o proxecto deste ano, achéganse o mundo do teatro con representacións que eles mesmos crean, e que todos podemos ver neste vídeo.

DÍA DA POESÍA CON MÚSICA
O 21 de marzo é o Día Mundial da Poesía, en Europa este día é coñecido como Primavera dos Poetas.
A poesía é moi importante nas nosas vidas, coa poesía expresamos pensamentos, sentimentos e emocións igual que expresamos coa música, a danza, a pintura e o teatro.
Esta semana polo día da Poesía, tivemos unha actuación musical de dúas profes en prácticas: Carmen ao violoncello e Cristina ao piano. As pezas que interpretaron foron “A Siciliana” de Maria Theresia Von Paradis e “Libertango” de Astor Piazzolla.
Compartimos o vídeo das súas actuacións e agradecemos o esforzo e dedicación, foi un pracer desfrutar da vosa arte.
https://bookletwork.com/2025/03/19/dia-da-poesia-2/

VISITA DAS AGUPACIÓNS DE ESCOLAS SAUDABLES
O Ceip O Couto participa nun programa estatal de agrupacións escolares chamado Escolas Saudables. Este programa comparte proxectos colaborativos en materia de educación inclusiva e innovación educativa.
Por iso, os días 27 e 28 de marzo centros de distintas comunidades e representantes da Xunta estiveron no colexio coñecendo de primeira man o proxecto que desenvolvemos dende a biblioteca escolar.
Agradecemos a presenza á directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández e ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Tamén o director territorial da consellaría de Educación Jorge Sampedro, a inspectora, Yolanda Cadórniga e a representante de Bibliotecas Escolares, Loli Nieto. Así como os representantes das agupacións Ceip Asturias, Ceip Francisco de Aldana, Ceip Prácticas e Ceip Arzobispo Calzado.
https://bookletwork.com/2025/04/06/visita-das-agrupacions-de-escolas-saudables/

Foi o propio alumnado do centro o encargado de amosar e explicar os traballos que se realizan. Grazas a todos pola vosa participación, polas vosas explicacións que foron importantes e necesarias para que o noso proxecto se entendese.


ESTIVEMOS NA PRIMEIRA FEIRA EDUCATIVA DE OURENSE
A primeira Feira Educativa tivo lugar estes día en Expourense, os días 2 e 3 de abril, e alí estivo unha representación do alumnado de colexio, amosando proxectos innovadores que facemos na biblioteca.
Estes alumnos e alumnas foron os encargados de ensinar e explicar: os circuítos eléctricos, varios experimentos, xogos de programación robótica, traballos con código QR, lapis 3D, chapas co logo do colexio e do proxecto deste curso, traballos feitos coa cortadora láser e coa impresora 3D e tamén deron a coñecer as científicas e inventoras que traballamos este ano polo día da muller e a nena na ciencia.
https://bookletwork.com/2025/04/06/estivemos-na-primeira-feira-educativa/


3º TRIMESTRE
CONTACONTOS DO CIFP PORTOVELLO
Os días 2, 3 e 4 de abril, os alumnos e alumnas do CIFP Portovello visitaron a biblioteca do colexio para contar historias e contos ao alumnado de infantil e primeiro nivel.
Contos, cancións, animacións, obradoiros de pintura e mesmo un barco pirata para que os máis cativos desfrutaran da maxia dos contos.
Grazas por achegarnos as historias de: “Daniela , a pirata”, “A colleita de ratiño”, “O meu corpo”,“Frederick”, “Monstruo Marelo”, “Marcelina na cociña”, “Leotolda”, “Pica-rasca”, “Isto non é unha selva” e “ A súa propia cor”.
Esperamos os vosos contos sempre que os queirades compartir con nós. A vosa visita sempre será benvida.


CONTACONTOS DO IES O COUTO
Abril é un mes de festa para os libros e que mellor forma de celebralo que compartindo lecturas e contos.
Os días 24 e 25 de abril, alumnos e alumnas do IES O Couto viñeron ao colexio para contar historias e contos ao alumnado de infantil. Os libros de: “El buen lobito”, “A mellor sopa do mundo” e “Nicolás, el sabio mentirosillo” fixeron que os máis cativos o pasaran ben e desfrutaran da maxia dos contos.
Grazas pola vosa visita e polos contiños. Foi un pracer tervos aquí!


APADRIÑAMENTOS LECTORES
O alumnado de 6º preparou na clase de Arts and Craft as marionetas para os contos do apadriñamento lector e nos cursos de 2ºA, 2ºB e 1ºB elaboraron libros e un gran mural dedicado á lectura.
https://bookletwork.com/2025/05/25/os-contacontos-do-alumnado-de-6o/


SABELA GAGO E ANXO MOURE POLO DÍA DO LIBRO
No Día do libro non poden faltar dous grandes animadores de contos: SABELA GAGO E ANXO MOURE.


VISITA DA ESCRITORA ALBA DE EVAN
O luns 19 de maio visitounos a escritora Alba De Evan. Ela é autora de varios libros lidos na escola como: “Os segredos soterrados”, “Maxia de pedra” e por suposto da colección de Naturizo, que tanto gusta. Nesta ocasión veu comentar o libro “Varetai. Protectora de espíritos”.
Grazas Alba, é un pracer escoitarte e desfrutar destes encontros que nos achegan aos libros e á lectura!


VISITA DA ESCRITORA ANDREA GARCÍA MARTÍNEZ
O pasado luns 2 de xuño, os clubs de lectura tiveron encontro con Andrea García Martínez, autora e ilustradora do libro “Animais fantásticos de aldea”. Durante a sesión falou do seu libro e tamén houbo momentos para facerlle preguntas e aclarar algunha dúbida. Foi un encontro moi agradable onde Andrea tamén amosou o seu talento como debuxante.
O mellor estaba por chegar cando propuxo debuxar a un dos personaxes do libro seguindo as súas instrucións! Todos os debuxos saíron xeniais e como premio foron todos firmados pola autora !! Grazas Andrea.


AS EXCURSIÓNS DE FIN DE CURSO E O PROXECTO
Xa estamos na recta final do curso escolar e do noso proxecto “Mamá, quero ser artista”. Desexamos que todas as actividades programadas vos achegaran e axudaran a comprender o fascinante mundo do teatro.
As últimas actividades relacionadas co proxecto foron as excursións, todas incluíron títeres ou algún musical. Estas son as fotos…
https://bookletwork.com/2025/06/18/as-excursions-de-fin-de-curso/


EXCURSIÓN DE 6º
O alumnado de 6º de primaria fixo a súa excursión de fin de curso, visitando as cidades de Madrid, Toledo e Segovia. Ademais de disfrutar dos atractivos turísticos destas cidades, a viaxe incluíu a asistencia a varios espectáculos como parte final do proxecto dedicado ao teatro. O musical “Os nenos do coro” e a visita ao parque temático de Toledo “Puy du Fou” . Que ben o pasaron…días inesquecibles!!
https://bookletwork.com/2025/06/18/as-excursions-de-fin-de-curso/


CONTOS NOS MINIMUNDOS
Os minimundos ou teatralizar contos, foi unha actividade proposta dende o inicio do proxecto para o alumnado de infantil e primeiro ciclo. Tiña como obxectivo teatralizar un conto tradicional facendo unha nova versión. Durante o curso fixéronse os seguintes minimundos: “A casiña de chocolate”,”A castaña que estoupou coa risa”, “O Cascanoces”, “A nova ratiña presumida”,”A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo”, “Cocorico”, “O polo Pepe”, “O monstruo de cores”, “A carapuchiña vermella”, “Os tres porquiños” e “os sete cabritiños”


MOCHILAS VIAXEIRAS
As mochilas viaxeiras formaban parte do proxecto teatral, proporcionando libros e promovendo a lectura en familia.
Queremos agradecer a todas as familias o marabilloso traballo realizado cos cadernos das mochilas.


FIN DO PROXECTO
Chegamos ao final dun curso incrible e tamén ao final do noso emocionante proxecto “Mamá, quero ser artista”.
Desde que levantamos o telón por primeira vez, percorremos un camiño cheo de creatividade e aprendizaxe. Comezamos presentando a maxia do teatro, programando actividades de mimo, kamishibai, minimundos, contos de luces, títeres, regueifas e musicais. Cada ensaio, cada liña memorizada, cada interpretación achegounos máis ao teatro.
Hoxe, podemos dicir que chegamos á meta, demostrando o grandes artistas que somos e sodes. O produto final de todo este esforzo son as marabillosas actuacións que cada clase preparou con tanto coidado. É o voso momento de brillar e amosar todo o talento que levades dentro!
Grazas a todo o alumnado e a todas as mestras e mestres por este gran esforzo final!!
Actuacións do xoves 19 de xuño: infantiles 3 anos “Cocorico”, “O polo Pepe”; 4 anos “A carapuchiña vermella”, “O monstro de cores”; 5 anos “os sete cabritiños”, “os tres porquiños”. 1º de Primaria el musical “Tengo el corazón contento” y el rap “Mi escuela”. 2º de Primaria obra teatral “A voda da pulga e do piollo”, obra teatral “O secuestro da bibliotecaria”.

Actuacións do venres 20 de xuño: 3ºB obra de teatro “O restaurante Farruco”, 4ºB facendo humor con Miguel Gila e Eugenio, 3ºA “Regueifas”.

Actuacións do venres 20 de xuño: 6ºA e 6ºB musical “Mamma mía”, 4ºA musical ” Con calma”, 1ºA musical “Tengo el corazón contento”, 5ºA e 5ºB “Got talent o Couto”

https://bookletwork.com/2025/06/22/fin-do-proxecto-todos-a-escena/