Publicado en Biblioteca,Ribeira Sacra

DÍA DA RADIO

13 de febreiro Día Mundial da Radio.

A radio…que importante este medio de comunicación onde a voz é imprescindible! No blog da biblioteca tamén facemos radio, a vosa voz pode chegar a toda a comunidade educativa: cando contades contos, recitades poemas, cantades cancións ou informades de novas.

Para celebralo, haberá na biblioteca unha exposición de radios, aportadas polo mestre de música: José Luis Carnicero. Veremos como eran, como son e mesmo poderemos fedellar nelas.

Para conmemorar este día, disfrutade deste audio. Grazas a todos/as os locutores/as que o fixeron posible!

Made with Padlet

A exposición de radios será o punto de partida para traballar coa ciencia. Nesta ocasión a mesa de observación servirá para: ver radios de colección, saber quen inventou a radio e por que se conmemora o 13 de febreiro. A outra mesa será a de experimentación, imos traballar cos imáns, cos campos magnéticos, coa forza de atracción e de repulsión.

Agardamoste na biblioteca…xoga coa ciencia!!!

Publicado en Biblioteca

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

Saúdos dende o blog da biblioteca!!!

O próximo 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Este é un día para lembrar que as mulleres e as nenas desempeñan un papel fundamental na ciencia e na tecnoloxía e que a súa participación debe fortalecerse.

A ciencia e a igualdade de xénero son importantes para construir unha sociedade de futuro, unha sociedade onde as mulleres teñan acceso pleno e equitativo á ciencia. E poidan ser o que elas queiran ser.

O lema deste ano 2023 é:  “Innovar. Demostrar. Elevar. Avanzar. Sostener. (I.D.E.A.S)” e ten coma obxectivo lograr unha maior participación e inclusión das mulleres e as nenas no mundo da ciencia


Estas son algunhas das mulleres científicas que traballaron e actualmente traballan no mundo da investigación.

Foron moitas as nenas galegas que se covertiron en mulleres científicas. Estas son algunhas das nosas científicas galegas que queremos que coñezades.

CIentíficas galegas

A próxima semana dedicaremos os obradoiros do recreo á ciencia e a facer experimentos. Volveremos ter unha mesa de observación e outra de experimentación, igual que fixemos en novembro cando dedicamos o mes á ciencia. Agardámosvos …!!!


As mochilas viaxeiras xa están listas para á lectura en familia. O venres 10 de febreiro todos os cursos levarán a súa, desexamos que a selección de lecturas sexa do voso agrado. As instrucións de uso xa están no interior de cada mochila…BOA LECTURA!!!

Publicado en Biblioteca,Ribeira Sacra

DÍA DA ILUSTRACIÓN

Saúdos dende bibliocouto!!

O 30 de xaneiro celébrase o día da ilustración. Unha data que serve para valorar a gran importancia que teñen os ilustradores na creación de imaxes para libros, contos, carteis…

O conto dos “Chibos chibóns” é un deses libros ilustrados, composto por 32 follas e editado por Kalandraka que hoxe as nenas e nenos de 1ºB  vannos contar. Elas e eles son a voz deste marabilloso conto onde a cooperación, as gañas de solucionar atrancos e a loita do ben contra o mal están moi presentes.

Grazas a Noa, Uxía, Eric, Julia, Gabriel, Carlos, Marco, Xiana, África, Nayeli, Lía, Sarah, Álvaro, Miguel, Carlos Manuel, Gala, Nara, Daniel e Leo polo voso esforzo, traballo e por facernos pasar un momento tan agradable.


Este ano o noso proxecto de centro é que todas e todos coñezades un pouco máis a Ribeira Sacra. O vídeo proposto é un anticipo do que foi o programa “Pipper en ruta” emitido pola 2 de rtve o pasado 28 de xaneiro e que non debedes perder.

Os protagonistas son Pipper, a teacher Laura e o seu can Drogo, que nos levan de ruta pola Ribeira Sacra…paga a pena que vexades o programa, pois está cheo de boas e fermosas anécdotas, Laura faino moi ben e os dous cans portanse xenial.

Vídeo completo de Pipper na Ribeira Sacra:

https://www.rtve.es/play/videos/pipper-en-ruta/ribeira-sacra/6780329/


Esta semana no obradoiro, estamos pintando as letras mandala do escritor que nos visitará en febreiro: Lois Pérez autor do libro “A gruta da torre”. GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN !!!

Publicado en Biblioteca

30 DE XANEIRO, DÍA DA PAZ

Feliz Día da Paz!!

As nenas e nenos de 2ºA prepararon un poema dedicado á paz. Compuxeron, recitaron e prepararon esta poesía que agora vos invitamos a escoitar.

Grazas a Ximena, Álex, Anxo, María, Álex Cid, Noa, Brais, Samira, Henar, Blanca, Andrea, Uxía, Ariadna, Iván, Sergio, Elian, Ainhoa, Mateo, Cristian, Andrea, Lara, Kevin, Vera e Sara por compartir os vosos traballos. Sodes estupendos!!

Made with Padlet

Que é para ti a paz??

QUE É A PAZ?
É a pregunta máis difícil de responder. A paz é iso
que percibimos cando nos atopamos ben. Cando
todo está tranquilo e sentimos que nos queren,
que nos protexen…

A paz é esa sensación tan rara pero tan agrable que
temos cando estamos ben cos nosos amigos e amigas,
coa nosa familia, na escola, no parque…
A paz votámola de menos cando non está,
cando hai guerras, cando temos medo de que pase algo…


A paz é tan importante como o aire que respiramos.
Non a vemos pero nos rodea, está en cada xesto,
en cada abrazo, en cada mirada e en cada verba que dicimos.
Acompáñanos ó longo da nosa vida.

Que nos da paz?
Unha morea de cousas
que non se comen, nin se ven, nin se cheiran,
pero que se sinten moi dentro.
A paz danos tranquilidade, felicidade e tamén seguridade.
E para que isto suceda,
temos que traballar para que exista.


Os obradoiros destas últimas semanas tiveron moito que ver coa paz. Entre todos conseguimos darlle cor branca as follas das árbores, coa intención de que o vento as leve lonxe e enchan de paz todos os recunchos, ademais de decorar o BAMBÁN DA RIBEIRA SACRA.

O traballo tivo varias partes: 1º Recollemos follas de árbores que hai na Ribeira Sacra. / 2º Puxémolas entre papeis e con peso enriba para que as follas alisasen./ 3º Pintamos as follas de branco, cada día por un lado para que secasen. / 4º Xuntámolas nunha caixa. / 5º Pegamos as follas no bambán.

GRAZAS A TODAS E TODOS POLA VOSA COLABORACIÓN!!


Outro dos obradoiros tivo que ver coa ESCRITURA. Consitía en facer unha cadea, escribindo bos desexos…este foi o resultado. GRAZAS POR COLABORAR!!


E para rematar fotos dos logros que conseguides nos xogos que hai na biblioteca.

Que teñades un bo día da paz!!

Publicado en Biblioteca

CELEBRAMOS A PAZ

O 30 de xaneiro celebraremos o Día da Paz, celebraremos que o mundo pode ir mellor se hai comprensión, respecto e tolerancia.

A paz non é algo que se desexa, é algo que se constrúe empregando: un sorriso, unha mirada, unhas verbas, unhas apertas… e diso todas e todos temos dabondo. Empecemos a construír a paz!!


No 30 de xaneiro conmemórase o aniversario da morte de Mahatma Gandhi. Líder pacifista que naceu na India o 2 de outubro de 1869 e foi asasinado o 30 de xaneiro de 1948 ós 78 anos.

Gandhi defendeu e promoveu a paz e a non violencia, súas son estas verbas: “Non hai camiño para a paz: a paz é o camiño”.

Foron moitos os que seguiron e imitaron esta forma de actuar, neste genially poderás coñecelos

Se queres saber algo máis sobre eles só tes que coller un código QR no colexio, levalo para a casa e escanealo dende un teléfono móbil. Proba..é moi sinxelo!!!


Para o tempo lector propoñemos contos e curtas que tratan da amizade, igualdade, axuda, tolerancia, responsabilidade…Desexamos que vos gusten e vos fagan pensar!!!


Os libros non poden faltar nesta data, os que vos amosamos pódense ler e ver na biblioteca do colexio, tamén se poden levar á clase para ler no tempo lector. Se tes algunha dúbida ou precisas axuda, consulta coas bibliotecarias.

Que teñades moita paz cos vosos amigos, coas vosas familias… e na vosa vida!!

Publicado en Biblioteca

XANEIRO, COMEZO DE ANO

Saúdos dende bibliocouto.

O pasado venres día 13 de xaneiro, concedéronlle o profesor ourensán José Paz a título póstumo, a medalla de ouro que outorga a deputación de Ourense.

Dende este pequeno recuncho da biblioteca, queremos render tamén unha humilde homenaxe e dar a coñecer a este gran mestre que foi investigador, pedagogo, dinamizador do galego, gran estudoso da obra de Tagore (Premio Nobel de Literatura en 1913), mestre de mestres e pai de Jorge o profe  de 5º do noso colexio.

Vaia para o mestre José Paz esta agarimosa lembranza!!


O 30 de xaneiro celebraremos o Día da Paz.  Coutolin xa fixo a selección de libros para ler no tempo lector e como proposta para esta semana o conto: “Leonor y la paloma de la Paz”


A actividade “Cóntame un conto” seguiu durante este mes no curso de 2º, agradecemos a colaboración de todas as familias. Grazas polo voso esforzo e dedicación, foron momentos moi agradables para as vosas fillas e fillos e tamén para todos os compañeiros de curso.


Estes foron os gañadores do primeiro certame literario celebrado en novembro nos cursos de 3ºa 6º. Parabéns…seguiremos con máis certames ó longo do curso!!


Amosamos algúns dos libros mercados neste mes, son de banda deseñada e desexamos que vos gusten…vémonos na biblioteca!!

Publicado en Biblioteca

BO NADAL!!

O equipo de biblioteca do CEIP O Couto deséxavos

BO NADAL e FELIZ 2023!!



Gañadores do certame literario…PARABÉNS!!!!


Grazas a todas as familias, nais e pais que colaboraron na actividade: “Cóntame un conto no Nadal” foi un pracer contar con vós e unha ledicia para as vosas fillas, fillos e seus amigos….Graciñas!!!

Publicado en Biblioteca

NADAL SOLIDARIO

Remata o trimestre e queda pouco para festexar o Nadal.

Esta páxina do blog está dedicada a todas e cada unha das persoas que formades parte do colexio do Couto. Sodes vós os auténticos protagonistas desta sección con tintes solidarios.

Imos comenzar cun audioconto que as nenas e nenos de 1ºB do edificio do Greco prepararon para este Nadal. Elas e eles son as entrañables voces deste libro que sempre gusta escoitar polo Nadal “Cando Martiño tivo gañas de mexar na noite de reis”.

Grazas a Noa, Uxía, Eric, Julia, Gabriel, Carlos, Marco, Xiana, África, Nayeli, Lía, Sarah, Álvaro, Miguel, Nara, Daniel e Leo….ides ser grandes contadores/as de contos!!!!


Propoñemos estas curtas para ver nesta semana…estamos seguros de que vos gustarán!

CURTAS PARA FESTEXAR O NADAL

Neste mes o obradoiro da biblioteca tivo fins solidarios. Aproveitando a proposta de bibliotecas escolares: “Escribir a biblioteca escolar”, preparamos a caixiña dos desexos. Consistía en escribir un bo desexo para cada un dos maiores da residencia de Campolongo, en Pontevedra. Foi feita con agarimo e tenrura   desexando que teñan un Nadal mais levadeiro. Grazas a todas /os pola vosa colaboración!!


Seguimos a falar de solidariedade, nesta ocasión para agradecer a vosa colaboración na campaña de recollida de alimentos da “Operación Quilo”. Un ano máis a vosa aportación e implicación foi moi grande como tamén o foi a participación na xincana que se fixo durante os recreos ó longo da semana.


E xa para rematar, esta semana entregaremos os agasallos do certame literario...parabéns aos gañadores/as!!!

Publicado en Biblioteca

CIENCIA NA BIBLIOTECA

Bibliocouto dedicou o mes de novembro á ciencia.

Durante o mes de novembro e na biblioteca houbo dúas mesas: unha de observación e outra de experimentación. A mesa de observación deunos a posibilidade de achegarnos ó mundo diminuto e poder observar dende o microscopio: a pata dunha araña, a á dunha avespa velutina, un piollo e unha pulga.

Na mesa de experimentación, e seguindo os pasos do método científico, chegamos a facer os seguintes experimentos: a pementa que fuxe, a escuma máxica, a bolsa antifugas e tamén o das gotas de auga nunha moeda.

Grazas a boa acollida desta actividade o equipo da biblioteca seguirá a traballar neste tipo de propostas para os obradoiros da biblioteca….agora imos preparar o NADAL !!!

Publicado en Biblioteca

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA E DOS DEREITOS DA INFANCIA

Novembro é o mes dedicado á Ciencia en Galego.

PINTEREST CIENCIA EN GALEGO (preme para ver)


Na biblioteca hai preparadas actividades que nos achegan ó mundo da investigación, dos inventos e dos descubrimentos; microscopios con mostras; unha maleta viaxeira con libros de divulgación; libros científicos; películas …todo está preparado, achégate!!


O 20 de novembro foi o Día da Declaración dos Dereitos da Infancia. No colexio conmemoramos esta data, cunha carreira solidaria a favor da ONG Save the Children, que traballa para axudar a nenos e nenas en situación de vulnerabilidade.

Descubre os 10 dereitos fundamentais de nenos e nenas.


E para rematar, propoñemos o conto de “Arturo e Clementina”. A historia de dúas tartarugas na que se combaten os estereotipos femininos e a discriminación da muller. Seguro que che fará pensar…!!

CONTO PARA LER

FICHAS INTERACTIVAS DA HISTORIA DE ARTURO E CLEMENTINA


Proposta de contos para o 25N