Ola a todos e todasl!
Dende a biblioteca virtual, queremos desexarvos un verán fantástico, cheo de sol, xogos e moitas aventuras.
Este ano vivimos momentos moi especiais co noso proxecto teatral. Foi marabilloso ver como vos transformastes en artistas e o dábades todo, actuando, bailando, interpretando, narrando…A lectura e o teatro van da man; ambos nos invitan a soñar, a expresarnos e a conectar coas emocións.
Agora toca descansar, desconectar e desfrutar dunhas merecidas vacacións. Lembra que a maxia da lectura pode ir contigo de vacacións. Leva os teus libros favoritos contigo á praia, á montaña, á vila… ou simplemente a ese recuncho especial da túa casa!
Agardámosvos en setembro con moitas novidades e un novo proxecto!
Bo verán e felices lecturas!
Unha forte aperta de parte de todo o equipo da biblioteca.
CLUB DE LECTURA
Chegou o momento de dicir “Ata pronto” ou “Ata sempre”. Sodes e fostes un club de lectura marabilloso. Foi un pracer compartir con vós o tempo dedicado á lectura. Lembraremos con cariño as “quedadas” dos luns na biblioteca, cada historia que compartimos, cada personaxe que descubrimos e cada risa que botamos.
Agardamos que sigades explorando novos mundos a través dos libros, que a vosa curiosidade nunca se esvaeza e que sigades vivindo miles de aventuras dentro das páxinas dun libro.
Nunca deixedes de ler.
Unha forte aperta e feliz lectura!
