
Este ano iniciamos un novo proxecto, leva por título: ” Entre pinceis”. O punto de partida é o nome de pintores que teñen moitas rúas do barrio do Couto, lugar onde se atopa o noso colexio. As rúas: Dalí, Picasso, El Greco, Zurbarán, Velázquez, Julia Minguillón, Murillo, Prego de Oliver, forman parte da vida do noso alumnado sen máis significado que o nome dunha rúa.
“Entre pinceis” pretende ir máis alá de dar a coñecer a eses pintores. O proxecto pretende traballar a pintura dende unha perspectiva interdisciplinar, considerando a pintura coma unha linguaxe universal na que se poda: expresar sentimentos e emocións a través das producións plásticas, explorar técnicas creativas, gamas de cores, experimentar con mesturas, coñecer tipos de pinturas, recoñecer e observar obras de arte e promover valores.
Aquí deixamos o programa de radio e o vídeo que escoitamos e vimos na biblioteca e que inician o proxecto.

VÍDEO

PRIMEIROS TRABALLOS


OUTUBRO: O TERROR NA PINTURA E CADRO MISTERIOSO DO MES
Presentamos o CONCURSO que faremos ao longo do curso. Consiste en presentar 5 cadros de pintura relacionados cunha determinada temática, os cadros levan todos unha ficha técnica co: título da obra, autor da mesma, ano de realización, técnica empregada, tamaño e localización do cadro. Todos os cadros levan a ficha técnica agás un que propoñemos para adiviñar e completar. Todos os gañadores recibirán premio.
Concurso: adiviña cal é cadro misterioso do mes, completa a folla coa información que se pide e os teus datos.

A actividade consistía en acertar a ficha técnica de cada cadro. Todos estaban relacionados co terror na pintura.

SAMAÍN, OBRADOIROS CREATIVOS DEDICADOS Á MAQUILLAXE
Nos obradoiros da semana traballamos a maquillaxe e os contos do samaín.


OUTONO NA ARTE, OBRADOIROS CREATIVOS DEDICADOS AS CORES DO OUTONO
O mes de novembro está dedicado á ciencia e nós aproveitaremos os obradoiros para experimentar coas cores.
O obradoiro creativo desta semana, “Manchas de outono“, está dedicado o outono na arte. Traballamos as cores desta estación, as cores primarias e as secundarías e practicamos a técnica do soprado de pintura.

Traballamos na mesa de luz: as cores primarias, secundarias e complementarias.






OUTONO NA PINTURA, CADRO MISTERIOSO DO MES
Os cadros propostos para traballar o outono estiveron expostos na porta da biblioteca.
Concurso: adiviña cal é cadro misterioso do mes, completa a folla coa información e os teus datos.



O concurso do cadro misterioso xa ten gañadores. Nos próximos días faremos pública a lista. Graciñas pola vosa participación e parabéns as gañadoras e gañadores!!
Gañadores do concurso o cadro misterioso: Jorge Pérez, Leire Granja , Carlota Fernández, Guido López, Nicole, Mareme Cisse, Jade Rodríguez, Vera Fandiño, Tomé López, Manuel, María Gómez e Andrea.

NOVEMBRO: 25N
A lectura é unha importante ferramenta coa que podemos construír unha sociedade de igualdade e libre de violencia de xénero.
Frida Kahlo foi unha muller digna de admirar, exemplo de superación e de esforzo por saír adiante. Foi ademáis unha importante pintora e artista mexicana coñecida en todo o mundo pola súa obra e polos seus autorretratos.
O alumnado de 2ºA fixo un fermoso mural adicado a ela, por ser unha muller: libre, loitadora, forte e valente. Seguro que a ela lle ía gustar. Gran traballo…non pudo quedar máis bonito!!


NOVEMBRO, OBRADOIROS CREATIVOS DEDICADOS Á CIENCIA E A EXPERIMENTAR COAS CORES
Un ano máis, novembro foi o mes dedicado á ciencia. Fixemos experimentos, casi todos relacionados coas cores. Algúns deles foron: xogar con pingas de auga de cores, facer un arco da vella con lacasitos, facer unha explosión de cores e experimentar cun fluído non newtoniano. As fotos amosan algúns deses momentos.






20 NOVEMBRO, DÍA MUNDIAL DA INFANCIA
Día para lembrar que as nenas e os nenos son a parte máis vulnerable da sociedade, que son moitos os avances conseguidos pero que é preciso seguir traballando polo seu benestar e desenvolvemento.
A infancia foi un tema que se traballou na pintura. Neste vídeo, dedicado a todas as nenas e nenos do colexio, poderedes ver algúns deses cadros. Feliz día a todos!!
ENTREVISTA DE RADIO


NOVEMBRO: A INFANCIA NA PINTURA, CADRO MISTERIOSO DO MES
A infancia foi un tema que se traballou na pintura. Os cadros deste mes están dedicado a todas as nenas e nenos do colexio, poderedes ver algúns deses cadros. Feliz día a todos!!
Concurso: adiviña cal é cadro misterioso do mes, completa a folla coa información e os teus datos.



DECEMBRO, TEMPO DE NADAL
No colexio hai ambiente de Nadal, a decoración dos corredores e das clases achégannos a este tempo de solidariedade e amizade. Os cadros, os libros e os vosos traballos foron os auténticos protagonistas do decorado de Nadal. Verdade…?




NADAL, OBRADOIROS CREATIVOS CON PINTURA DE NEÓN
Nos obradoiros creativos destas semanas fixemos árbores de Nadal con pinturas de neón. A escuridade do inverno foi a cartolina negra e as luces brillantes as pinturas de neón. Grazas a todas e todos pola vosa colaboración e non esquezades levalas para casa!!

XANEIRO, MES DAS APERTAS E DA PAZ
As mochilas viaxeiras xa están circulando con libros e cadernos relacionados co proxecto “Entre pinceis”. Cada mochila leva un caderno coa biografía dun pintor e unha lámina dun dos seus cadros.
Vós teredes que pintar esa lámina como máis vos guste e empregando o material que queirades. Ao final do curso as vosas obras formarán parte dunha gran exposición de arte. Ánimo e a pintar como artistas!


XANEIRO, OBRADOIROS CREATIVOS DEDICADOS AO COLLAGE
No obradoiro creativo deste mes a proposta foi facer pombas da paz de moitas cores. Este foi o resultado…!! Graciñas pola vosa colaboración.






PINTURA POLA PAZ, CADRO MISTERIOSO DO MES
O 30 de xaneiro é o Día da Paz, con tal motivo os cadros seleccionados para este mes así coma o cadro misterioso teñen moito que ver coa data.
Pintores como Goya, Picasso ou Dalí deixaron nos seus lenzos o profundo pesar dunha guerra. Sabes a quen pertence o cadro misterioso deste mes? Investiga e entrega a túa resposta na biblioteca. Sorte!
Concurso: adiviña cal é cadro misterioso do mes, completa a folla coa información e os teus datos.







XANEIRO, MES DAS APERTAS
O día 21 de xaneiro é o Día Internacional das Apertas, por este motivo queremos que coñezades un graffiti feito por Keith Haring e titulado “O abrazo”. O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º nas clases de inglés e coa auxiliar de conversa, tivo oportunidade de afondar na biografía e obras deste artista e activista neoiorquino. Todos fixeron o seu Keith Haring particular que vos amosaremos en breve.




VÍDEO RESUME DAS ACTIVIDADES DO 1º TRIMESTRE
Presentamos un vídeo que resume as actividades feitas no 1º trimestre para o proxecto “Entre Pinceis”. Desexamos que vos guste.

FEBREIRO: 21 DÍAS EN GALEGO TAMÉN COA PINTURA
O mes de febreiro dedicamos os recreos a bailar, xogar, falar en galego e tamén como non a pintar. A actividade de 21 días en galego, levada a cabo polo equipo de Normalización Lingúística, foi feita no tempo de lecer e non se realizaron obradoiros para que así puidese participar todo o alumnado.





FEBREIRO, DÍA INTERNACIONAL DA RADIO
A radio é un importante medio de comunicación onde a voz é imprescindible. No blog da biblioteca tamén facemos radio e a vosa voz pode chegar a toda a comunidade educativa cando recitades poemas, facedes entrevistas ou contades contos.
Por todo isto, decidimos convidar ao noso colexio a Vidal López. El é un gran comunicador, leva tempo facendo radio, vive no barrio do Couto e a súa voz é inconfundible. A charla foi moi amena, tivemos oportunidade de ser reporteiros, ver formatos de gravación e de aprender moitas máis cousas. Grazas Vidal por contaxiar a túa paixón pola radio!


FEBREIRO DEDICADO A ROSALÍA
No colexio non podía faltar a nosa homenaxe a Rosalía. Traballos, debuxos, poemas, fotos, libros e música…todo é pouco para achegarnos a esta gran muller: nai, escritora, defensora do galego e adiantada ó seu tempo... ROSALÍA SEMPRE






ROSALÍA COA TÉCNICA ANDY WARHOL
O alumnado de 3º e 4º nas clases de inglés e coa auxiliar de conversa, tivo oportunidade de afondar na biografía e obras de Andy Warhol. Todos fixeron o retrato de Rosalía coa técnica deste pintor.





ROSALÍA COA TÉCNICA ROY LICHTENSTEIN
O alumnado de 5º e 6º nas clases de inglés e coa auxiliar de conversa, tivo oportunidade de afondar na biografía e obras de Roy Lichtenstein. Todos fixeron o retrato de Rosalía coa técnica deste pintor.






FEBREIRO, ENCONTRO COA PINTORA CRISTINA ROO
No mes de febreiro o alumnado de 5ºA e 5ºB visitou a exposición da pintora Cristina Roo. Ela é ourensana e fai da pintura a súa paixón, que transmite e contaxia a todos os que visitan a mostra. Ademais de falar con ela e ver os seus cadros, tamén houbo ocasión para practicar cos pinceis, seguindo sempre os seus consellos. Grazas Cristina por compartir esta agradable experiencia con nós!!
O proxecto “Entre pinceis” seguirá achegándonos o mundo da pintura





ENTREVISTA DE RADIO
O mes pasado tivemos a sorte de poder entrevistar, en radiocouto, a unha persoa relacionada coa pintura. A súa formación, dedicación e paixón é a pintura e ninguén mellor ca el para falarnos deste tema.
A entrevista foi realizada por Iris Blanco, Sabela González e Lara Carneiro de 5ºA



MARZO, OBRADOIRO CREATIVO DEDICADO A PINTAR RETRATOS DE MULLERES GALEGAS E IMPORTANTES





MARZO, MULLERES PINTORAS
O 8 de marzo é o Día da muller. Nesta data lembramos todos os logros acadados polas mulleres, buscando a igualdade de dereitos, oportunidades e liberdades.
Este Genially que vos presentamos pertence o proxecto “Entre pinceis”, e quere dar a coñecer a todas aquelas grandes mulleres que foron pintoras.

MARZO, MULLERES E PINTORAS, CADRO MISTERIOSO DO MES
Pintoras como Frida Kahlo, Tarsila do Amaral, Tamara de Lempika, Elisabeth Vigee e Maruja Mallo demostraron nos seus lenzos o grandes pintoras que eran. Sabes a quen pertence o cadro misterioso deste mes? Investiga e entrega a túa resposta na biblioteca. Sorte!
Concurso: adiviña cal é cadro misterioso do mes, completa a folla coa información e os teus datos.







MARZO: OBRADOIRO CREATIVO, EASTER EGG
Pintar con rotuladores sobre o papel prata e logo calcar a impresión no papel branco. Técnica impresión de cores.





ABRIL: CADERNOS DAS MOCHILAS VIAXEIRAS
Neste segundo trimestre, que estamos a piques de rematar, foron moitas as actividades realizadas. Lembramos algunhas delas: os debuxos nos cadernos das mochilas viaxeiras, os obradoiros do recreo, os retos que se preparan na biblioteca, o cadro misterioso, os traballos dedicados a pintoras e pintores famosos…grazas a todas e todos pola vosa participación!!









ABRIL: FORMACIÓN EN RADIO CON “PONTE NAS ONDAS“
Este segundo trimestre tamén trouxo novidades. O alumnado de 5º A e de 5ºB recibiu formación en radio escolar con “Ponte nas Ondas”, ahora xa están preparados, o material está comprado…todo listo para os novos programas de RADIOCOUTO.




ABRIL: O LIBRO NA PINTURA, CADRO MISTERIOSO DO MES


ABRIL: MES DO LIBRO E PROGRAMA DE RADIO
O 23 de abril é o Día do Libro, unha data especial que celebramos no colexio con diferentes actividades.
Este ano o programa de radio do Día do Libro, estrea equipamento, espazo e formación do alumnado. Agora temos un pequeno estudio de radio que pronto integraremos na biblioteca. Adiante coa radio!!


ABRIL: OBRADOIROS CREATIVOS, MARCAPÁXINAS E ESCORNABOTS
Nos obradoiros da semana fixemos marcadores de páxina empregando a técnica do salpicado de pintura, tamén estamos a crear arte facendo cadros cos escornabots. Velaquí o resultado!!

ABRIL: ENCONTRO CON PINTORES
Neste mes de abril promovemos encontros con persoas relacionadas co mundo da pintura. O proxecto “Entre Pinceis” achega pintores ao colexio, trae experiencias de pintura con henna, fomenta traballos artísticos e manuais, e programa visitas a diferentes exposicións.








MAIO: VÍDEO RESUMO DAS ACTIVIDADES POLO DÍA DO LIBRO
Un vídeo recolle diferentes momentos do que foi a celebración, no mes de abril, do Día do Libro. Aparecen a visita á biblioteca pública da Ponte, as actividades de animación á lectura, o apadriñamento lector do alumnado de 6º, o encontro con escritoras e escritores, o encontro con pintores e os obradoiros na biblioteca. Grazas a todos pola vosa colaboración e implicación!!
O outro vídeo recolle o traballo titulado ”Os pitiños”, está realizado polo alumnado de infantil de 5 anos e programado dende a biblioteca creativa. Fermoso traballo con coreografía incluída!!

MAIO: VÍDEO RESUMO DAS ACTIVIDADES DO 2º TRIMESTRE
Xa estamos en maio e preparados para homenaxear a Luísa Villalta polo Día das letras Galegas. Antes queremos que vexades o vídeo co resumen de todas as actividades levadas a cabo no segundo trimestre. Seguro que vos lembrades e vos gusta!!
Velaquí algunhas fotos que recollen: momentos lectores, libretas da mochila viaxeira e traballiños feitos nas clases de infantil do edificio do Greco que teñen moito que ver co proxecto “Entre pinceis”. Sodes grandes artistas e lectores!!


XUÑO: EXCURSIÓNS CON ARTE
O curso escolar xa está rematando e todos desexando que comecen as vacacións. Foi un curso intenso onde traballamos e tamén participamos en retos, concursos e campionatos.
Tamén finaliza o proxecto “Entre pinceis”. Partindo da idea inicial de que as rúas do barrio do Couto teñen nomes de pintores, durante todo este ano, intentamos aproximarvos ao mundo da pintura: coñecendo a artistas, técnicas novas, visitando exposicións, invitando a xente, facendo murais, lendo libros… actividades destinadas a mellorar o voso coñecemento sobre este tema.
As últimas actividades relacionadas co proxecto foron as excursións, todas incluíron visitas a algún museo ou algunha exposición. Estas son as fotos.














XUÑO: AUDIOCONTOS NOS OBRADOIROS CREATIVOS
A última actividade dos obradoiros creativos foi a formación en audiocontos. Esta actividade é unha boa forma de estimular a creatividade, de traballar a entoación, a expresión oral e a lectura en voz alta. O alumnado de 4º traballou e practicou con Damián de “Ponte nas Ondas” os audiocontos. O próximo ano gravaremos!!!


EXPOSICIÓN FINAL DO PROXECTO “ENTRE PINCEIS”
O proxecto deste ano tiña como obxectivo achegar o mundo da pintura ao alumnado. Os obradoiros, charlas, exposicións, programas de radio, música, encontros con pintores, conferencias, murais, excursións e vídeos aportaron coñecemento e enriqueceron este proxecto artístico.
Os traballos e as actividades feitas ao longo do curso deron como resultado unha exposición que as familias poden visitar nesta semana.
Agradecemos a toda a Comunidade Educativa o seu apoio ás actividades propostas pola biblioteca escolar, e agradecemos tamén a colaboración de todas aquelas persoas que aportaron desinteresadamente recursos para enriquecer este proxecto. Grazas!
Felices vacacións e bo verán…vémonos en setembro!












