






ANIMACIÓN E CAPTACIÓN
O 29 de setembro constituíronse os dous clubs de lectura. O grupo de 6º explicou nas clases de 5º o funcionamento do club, fixeron animación e intercambiaron experiencias. Son os maiores e teñen experiencia.
CONSTITUCIÓN DOS GRUPOS
En outubro entregamos os libros que se van ler no 1º trimestre. Os Coutolines de 6º “O neno can” de Fina Casalderrey e os Coutolines de 5º “Plan de rescate” de Antía Yáñez.

COMEZAMOS O NOVO CURSO NOS CLUBS DE LECTURA!
Damos a benvida a esta nova tempada cun vídeo de Gonzalo Pinillos. A súa obra está intimamente relacionada co mundo da lectura e dos libros, é un excelente punto de partida para falar dos libros e da lectura. Que opinades…? Xa falaremos….

COUTOLINES 6º ” O NENO CAN”
ACTIVIDADE 1. Saber da autora Fina Casalderrey.
Xosefa Casalderrey Fraga máis coñecida como Fina Casalderrey é unha das escritoras máis recoñecidas, traducidas e premiadas no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega. Deuse a coñecer co libro “Mutacións Xenéticas” e logo seguirían unha morea de obras entre algunhas delas “Os misterios dos fillos de Lúa” e “O estanque dos parrulos pobres” libro lido xa hai dos cursos.
Ingresou na Real Academia Galega o 22 de novembro do 2013 e ademais de ser escritora tamén foi mestra de educación secundaria, etnógrafa vocacional, conferenciante e xornalista.
O libro “O neno can” foi escrito tamén por Francisco Castro, director da editorial Galaxia e presidente da Asociación Galega do libro Infantil e Xuvenil. É un libro escrito a favor de UNICEF.

ACTIVIDADE 2. Sinopse do libro
“O neno can” é un libro de relatos nos que se quixeron tratar asuntos relacionados cos dereitos da infancia, ou máis ben, coa falta de dereitos básicos que unha gran parte dos nenos e nenas do mundo padecen hoxe en día.
Os relatos contan a historia deses cativos que teñen que sobrevivir remexendo nos colectores do lixo; nenas que son obrigadas a casar con homes adultos cando aínda xogan coas bonecas; a discriminación de quen é diferente… A pesar da crueza das realidades que conta, son historias cheas de vida que nos enganchan.

ACTIVIDADE 3. Faladoiro sobre o libro
O libro que estamos a ler trata sobre os dereitos dos nenos, que se celebran o 20 de novembro. Ata o de agora, avanzamos en tres dos cinco capítulos e as tertulias de debate que estamos a ter están a resultar moi produtivas.


COUTOLINES 5º ” PLAN DE RESCATE”
Actividade 1. Saber da autora ANTÍA YÁÑEZ
Antía Yáñez naceu en Burela en 1991. Aínda que é enxeñeira, nunca traballou nesta profesión, dedícase a ser mestra na súa academia de Cecebre (Cambe) e a escribir e publicar libros. Ten publicadas obras en diversos xéneros literarios polas que lle foron outorgados moitos premios.
Algúns dos libros de Antía Yáñez son: “O misterio de Portomarín”, “O misterio do torque de Burela”, “A Reconquista”, “Be Water”, “PLan de rescate”,”Senlleiras”,”Entre Donas”e “O clan das barbies”.


ACTIVIDADE 2. Sinopse de “PLAN DE RESCATE”.
“Plan de Rescate” é un libro de aventuras que nos conta a historia dun grupo de nenos que están traballando na aula de apoio da súa escola cando algo raro acontece. Oen un estrondo e a mestra de apoio vai comprobar que pasou e, desaparece misteriosamente xunto co resto de compañeiros do colexio. Fóra escoitan a policía. Que acontece?
Toda unha aventura na que hai xuramentos, sangue, escopetas, e ata un plan de rescate. Pero tamén unha pizca de amizade, compañeirismo, traballo en equipo e …. algo de amor!.
Este é o grupo dos coutolines de 5º, os libros e as quedadas.




COUTOLINES 5º Y 6º
ACTIVIDADE: FALADOIRO SOBRE O LIBRO
Co final do primeiro trimestre, rematamos as nosas primeiras lecturas do ano. Escoitar as vosas ideas e reflexións sobre os libros lidos foi unha experiencias gratificante e constructiva para todos.
Parabéns ao grupo de 6º por completar “O neno can” e ao grupo de 5º por rematar “Plan de rescate”. Agardamos que as lecturas fosen do voso agrado e que espertaran a vosa imaxinación e as ganas de seguir lendo.
Xa estamos traballando na selección dos libros para o segundo trimestre, esperamos que os novos títulos sexan igual de interesantes e enriquecedores.




2º TRIMESTRE
COUTOLINES 6º. “OS PIRATAS DA ILLA ESPERANZA” de X. H. Rivadulla Corcón
O segundo libro para o grupo de 6º foi escollido con moito coidado e pensamos que vos gustará pois: os protagonistas comparten a paixón pola lectura, o ambiente mariño encaixa co proxecto escolar deste ano, e ademais na historia as emocións e os valores éticos volven ocupar un lugar importante. Agardamos que vos guste e que disfrutedes do pracer da lectura.
ACTIVIDADE 1. Saber do autor X. H. Rivadulla Corcón.
X. H. Rivadulla Corcón (A Coruña, 1962) é poeta, narrador, dramaturgo e guionista de televisión. Traballa dirixindo e escribindo programas para a TVG, especializado na cultura mariñeira. Publicou a novela “Do mar e a noite” (2002); os poemarios “Taberna á deriva” (2002), “O adeus do vello mariñeiro” (Xerais 2007), “Camiño ao mar” (2010), “Os papeis do vagabundo” (2010) e “Tankas da vida salgada” (2019); e as pezas teatrais “¡Furga Garabela!” (2001) “Salitre” (2003) e “Pan” (2008). As obras de literatura infantil e xuvenil que ten publicadas son: “O bebé máxico” (2000), “O elefante dunha soa orella” (2004. Premio Frei Martín Sarmiento), “¿A que veñen as gaivotas a Compostela?” (2006), “O sorriso de Claudia” (2007. Premio Frei Martín Sarmiento), “A balada de Roi Nemiña” (2007), “Os piratas da illa da Esperanza” (Xerais, 2008. Premio Frei Martín Sarmiento), “Amar unha serea” (2011), “O noso amor será eterno” (Xerais, 2011), “Soños de mar” (Xerais, 2014) e “Cando soa a buguina” (2020).

Actividade 2. Sinopse do libro
A Illa do Tesouro é o libro máis especial para os cinco membros do Club de Lectura Pedra dos Corvos. Cando coñecen ao Vagabundo, un vello e nobre navegante, que se convertirá en un amigo máis da panda, vivirán unha arriscada aventura que os levará a embarcarse no Praia de Quenxe para procurar un tesouro na illa da Esperanza e a enfrontarse a un situación tan inesperada coma dolorosa. Unha emocionante novela de temática mariñeira de X.H. Rivadulla Corcón, ilustrada por Adrián Solleiro, sobre a lealtade e a amizade, que convida a unha engaiolante lectura.



COUTOLINES 5º “ERIN E O LOBO” de Érika Esmorís
No noso colexio temos un cariño especial por esta escritora. As súas historias acompáñannos por diferentes etapas: mentres que en 1º leron “Analfabeta”, en 3º e 5º de primaria compartiron a lectura de “Patio de luces“, agora os alumnos de 3º de primaria están a disfrutar do seu novo libro “Esta é a miña historia e terás que crela“. É un privilexio poder ler os seus libros e posiblemente ter un encontro coa escritora nos próximos meses….esperemos que se cumpra o desexo!
Actividade 1. Saber da autora Érika Esmorís
Érica Esmorís (A Coruña, 1977) naceu unha calorosa tarde de xullo preto da praia. O sol, o mar e os libros foron, desde o principio, os seus compañeiros de viaxe. Amante dos animais, estudou veterinaria e, aínda que exerceu uns anos, deseguida cambiou o bisturí polo teclado do ordenador e unha profesión máis creativa. Traballou nalgunhas das produtoras audiovisuais máis importantes de Galicia, tanto no departamento de desenvolvemento e guión como no de dirección. Como narradora, foi recoñecida con importantes premios, como o Premio Merlín de Literatura Infantil con «Nena e o mar» (Xerais, 2015), que volve gañar en 2025 con «Erin e o lobo»; o Premio de Narrativa Infantil Ciudad de Málaga con «Patio de luces» (Xerais, 2020), ou o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil con «Esta é a miña historia e terás que crela» (Xerais, 2025). Outros títulos da súa autoría son «O poder de Amabel» (2012), traducida ao castelán, catalán e éuscaro, «Ulises e as cronoamigas» (2015), «Quen salva un can» (Xerais, 2019) ou o álbum ilustrado «Analfabeta» (Xerais, 2024), que asina xunto con Dani Padrón.

Actividade 2. Sinopse do libro
Erin vive no máis fondo do bosque, nunha cabana construída polos seus pais para afastarse da civilización. Nunca viu unha cidade nin un colexio nin outro neno. Un día, o pai regálalle un libro vello e, ao lelo en voz alta, esperta un feitizo: a súa voz de cóxegas sacode o bosque enteiro. Erin faise bosque e o bosque faise nena. As súas palabras chegan a todas as criaturas (o raposo, o reiseñor, o olmo, a flor silvestre) e tamén a Noite, o lobo de pelame azul e corazón escuro condenado a vivir nunha cova pola súa manda. Erin é luz. Noite é escuridade. Salvar unha nena. Redimir un monstro. Lembrar onde latexa, de verdade, o fogar. Ás veces, todo iso comeza cun «Había unha vez». O XL Premio Merlín é unha emocionante historia sobre a forza das palabras, a beleza dos vínculos invisibles e o desexo profundo de atopar un lugar no mundo.

